jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Crise económica con virus

VISTO QUE non é posíbel intervir individualmente, máis que intentando evitar o contaxio, contra o virus invasor, deberemos contribuír á análise dos efectos económicos e sociais da crise económica desencadeada por efeitos do confinamento, da paralización de actividades e tamén da caída consecuente de ingresos. As accións futuras de solución do ‘parón’ económico van depender directamente das primeiras medidas que se tomaren, dos plans que se tiveren previsto para o medio prazo e finalmente da evolución da conxuntura económica mundial, xa que a recuperación da confianza será decisiva para que volvan circular os fluxos económicos habituais. Tamén é esperábel que se poida ter ocasión para cambio do sentido, e os capítulos, do gasto público, mesmo con muda de determinadas institucións que se teñen revelado moi pouco úteis no século XXI; en concreto, concellos e deputacións responden en traza e organización administrativa a verdadeiros fóseis.

O Goberno traballa en dúas frontes de busca de financiamento complementar para colocar unha barreira protectora ao desastre en forma de fechamento de empresas pequenas, medianas e mesmo grandes: un está constituído polos posíbeis fondos europeos, e outro, procedente dos ingresos fiscais ordinarios e extraordinarios. O europeo está por ver, e o proprio dependerá en boa medida do deseño fiscal que se fixer. As cifras que se van coñecendo de desemprego rexistado do mes de marzo que (aos efeitos de emprego en descenso só é medio mes) son na Galiza 174.481 persoas. Sen contabilizar as que emigraron. En febreiro a protección de desemprego era para 97.342 persoas, a metade con prestación contributiva, e as restantes con subsidio de desemprego ou renda activa de inserción. Nese mes, e a pesar das cifras de paro xa existente, non se gastou nada (0 euros) en programa de activación de emprego. E, segundo fonte oficial publicada (Ige), o número de persoas demandantes de emprego en Galiza nese mesmo mes foi de 225.480. O mapa de actividades das que buscan emprego pode constituír unha boa pista para a elaboración dun plan de reactivación.

A maior cifra de demandantes son de hostalaría, seguidos de comercio ao por menor/talleres de reparación, entre os dous, case 60.000 persoas. Hai outras 41.000 que pertencen a actividades administrativas, servizos auxiliares e da administración pública. E interésanos finalmente resaltar as 7.976 en actividades científicas, profisionais e técnicas, 9.746 de actividades sanitarias e de servizos sociais e 6.479 de educación. Quer dicer, o mercado laboral galego está en condicións de proporcionar xa 24.201 persoas cunha alta cualificación directamente disponíbeis para entrar na administración pública: no ensino, na sanidade e nos centros de investigación. Crear ese emprego é unha aposta de futuro, con actividades que xeran á súa vez un encadeamento que vai desde actividades industriais ás de servizos así como aos enlaces coa exportación. E tamén entendemos que é hora de reconverter certos oficios en traballadores de servizos públicos porque temos aprendido a importancia da limpeza, dos cadros de persoal en servizos públicos con folgura dabondo para non intensificar o traballo en situacións especiais denominadas de guerra: modo xustificativo de todas as cativezas.

Crise económica con virus
Comentarios