Opinión

‘Descabalgaduría’

Por moito que nos goste a palabra desescalada vai ser complicado entender ben o seu significado cando se observa que andamos escalando e desescalando a diario: case parece que cabalgamos por terreos perigosos, unhas veces cara arriba e outras por un precipicio. Mesmo, hai aínda algo que é peor, non demos entendido ben o que significan os cerramentos perimetrais a medias, os confinamentos medio pensionistas, as unidades familiares, os conviventes, os achegados, os grupos burbulla, os gromos incontrolados, a detección de asintómaticos… E, a maiores, temos unha outra vía de incerteza para alguén que pode —por situación de actividade non regulamentada— dedicar tempo á observación: cal vacina vai resultar vencedora na carreira das vendas millonarias? Cal grupo de empresas farmacéuticas vai levar a maior parte do negocio de vendas en cada país ou grupo de países? Porque, valer, valerán todas máis ou menos igual, para o fin para o que foron feitas, quer dicer, criar nos vacinados inmunidade frente ao virus. Agora, as liortas nos medios de comunicación desta parte do mundo céntranse no exame (feito por ignorantes dese campo) da mellor vacina posíbel, que —moito nos tememos— ha ser a máis rápida na proba olímpica de fabricación e vendas, sempre falando de cifras millonarias. Ao final de tanto balbordo informativo, queda en evidencia que hai maneiras de mirar a realidade que ficaron completamente opacadas pola masa de anécdotas. Ferven as redes sociais en denuncias sobre condutas pouco respeitosas coas normas de guarda da distancia física aconsellada, do mal uso da máscara..., protagonizadas por persoeiros máis ou menos coñecidos. Tamén se propagan fotos ridículas de namorados bicándose máscara mediante: igual que ir ao cine cunha escafandra. Pero por máscara que non quede. E non se observa moito —ou ninguén ten falado con profusión— do ateigado dos vagóns do transporte público nas grandes cidades (realizado á forza por taballadores sen outra opción); das condicións de traballo en centros que non deixaron de funcionar por seren imprescindíbeis; dos riscos en centros sanitarios (España é o país de Europa de máis alta porcentaxe de afectación pola enfermidade vírica entre o persoal sanitario); non se trata das circunstancias do traballo nos supermercados e centros de distribución de alimentos (nalgúns é evidente que non existe sala de repouso/descanso nen vestiarios para as traballadoras); non miramos pola cobertura de necesidades dos traballadores do transporte, etc. E, por suposto, aínda non atopamos unha rendición de contas en ningún lugar con relevancia sobre as consecuencias, que sexa capaz de explicar —e pór couto— ás mortes de vellos nas residencias. Aceitemos que a situación é moi complicada, que é moi difícil tomar decisións nunha realidade cambiante con tanta incerteza e querendo evitar un crac económico nunha economía tan dependente do turismo, pero non se pode atacar fuxindo. A experiencia da loita frente ás catástrofes ten amosado que a peor táctica é a ocultación e falta de claridade. Nunha epidemia, a propagación dos contaxios non depende das conveniencias políticas ou económicas, e, como o custo económico vai ser enorme, sería bo lograr que o sufrimento sexa o menor posíbel.

Comentarios