miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

Dúas cuestións americanas

O episodio do paso polo aeroporto de Madrid Adolfo Suárez da vicepresidenta de Venezuela, Dª Delcy Rodríguez, pode merecer un comentario. O avión ficou na terminal 1, de aviación privada, e, visto que non houbo entrada formal en territorio español (non houbo visado de pasaportes), non foron violadas as normas comunitarias que prohiben expresamente a entrada en territorio Schengen a 25 membros do Goberno venezolano. Alí tivo un encontro co ministro español señor Ábalos, e foi suficiente para levantar unha poeira informativa, ou, mellor dito, desinformativa, que aínda perdura. A causa da lama informativa viña da man da sanción que a UE impuxo a un grupo de persoas que forman parte do Goberno de Venezuela, entre elas Delcy Rodríguez, vicepresidenta. Descoñecemos o criterio e a base utilizada para elaborar o baremo de responsabilidade dos males que existen en Venezuela, xa que uns membros do Goberno están e outros non. A vicepresidenta si, o ministro de Turismo non: é "asegún". O que si resultou parte dun sainete é o comentario case off de record da ministra española de Asuntos Exteriores: declarou que non tivo importancia a conversa do sr. Ábalos coa vicepresidenta, porque non houbo queixa dos Estados Unidos. 

Quixo dicer (traducindo a expresión diplomática): se o amigo americano, que é moi sensíbel, se dá por importunado, enseguida se espreguiza —como león durmido— e pode nos rabuñar. Ou, tamén, aínda hai xefes no mundo e queremos seguir estando a ben con eles. 

Se o amigo americano, que é moi sensíbel, se dá por importunado, enseguida se espreguiza —como león durmido— e pode nos rabuña

Ao citar os Estados Unidos xa tratamos noutro plano. Neste momento a empresa española Repsol está ameazada de sofrer sancións por parte estadounidense. Xunto a Repsol están tamén baixo a mesma ameaza Chevron (norteamericana con 8.000 empregados en Venezuela), Rosneft (rusa) e mais Reliance (india). En distinta medida, estas compañías petroleiras con intereses directos no cru venezolano seguen traballando en Venezuela a pesar do bloqueo estadounidense ou, poderíase dicer, mesmo en maior medida desde as sancións e incautación de activos en territorio estadounidense da empresa venezolana PDVSA (Petróleos de Venezuela). Púxose de manifesto que o apoio ruso e chinés a Venezuela foi infravalorado polos EE.UU. e mesmo deu pé a que analistas ianquis (por exemplo, WOLA, oficina en Washington para asuntos Latinoamericanos) teñan aceptado que o colapso venezolano se debe á má xestión interna pero que as sancións dos USA teñen contribuído a el de forma obxectiva, envolvendo a economía venezolana nunha dinámica perversa. Constatado este trasfondo, volvamos ás declaracións da ministra española de Asuntos Exteriores: formaban parte dunha necesidade, a da defensa de intereses petroleiros españois nese lado do Atlántico, e poñen de relevo que, España, internacionalmente, se adapta.

O outro episodio protagonízao un caza F-18 español que serviu para fotografar o tren de aterraxe desfeito do avión canadiano que sobrevoou Madrid 6 horas, e que logrou unha aterraxe sen vítimas: unha función pacífica, xa que as decisións tomadas contaron co apoio do avión militar español. Temos dito noutras ocasións que o gasto en F-18 non está, nen moito menos, á altura das nosas necesidades nen capacidades.

Dúas cuestións americanas
Comentarios