jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Etiquetado e desigualdade

As diferenzas que existen na lexislación actual entre o etiquetado obrigatorio nos produtos alimenticios crean situacións de competencia desleal duns sectores cara a outros. Examinemos algúns casos de produtos moi comúns na cesta da compra dun consumidor medio galego. O pescado comprado fresco en pescadaría tradicional ou en estabelecemento interior dun hipermercado ou supermercado leva por obriga legal unha etiqueta que contén unha chea de información. Figura o nome comercial e o científico da especie. O método de produción (captura e/ou cultivo). A zona de procedencia en nomenclatura internacional (Fao). O día do desembarco, ou o día do envasado. O peso neto no momento do envasado. O nome da empresa vendedora con datos comerciais desde o CIF até o enderezo postal. É dicer, menos o nome do capitán do pesqueiro responsábel sabemos todo, ou, por ben dicer, temos un montón de información a maior parte superflua e, non obstante, moi gravosa para a xestión de vendas tanto do pescador como dos intermediarios e comercializadores finais. Non sucede o mesmo coa carne. 

A presentación en venda de carnizarías de carne antes do corte é sinalada con carteis a gosto do vendedor. Deberán posuír toda a documentación legal que sexa esixíbel pero non a obriga legal de nos explicar onde naceu o año, de que gandaría procede, cal foi o día de sacrificio, como é o nome da empresa responsábel dese proceso, cando foi envasada —se ese é o caso— e cal é o nome científico desa subespecie: por exemplo churra ou merina. No caso da carne de porco sucede algo semellante. Deberíamos ir coñecendo de que raza estamos comprando, onde viveu, en que granxa pasou a súa vida, cantos días viu a luz do sol, canto tempo andou ceibe e finalmente cantos meses tiña cando foi sacrificado. Mesmo diríamos que a un consumidor experimentado tamén lle interesaría saber, se dun porco macho se trata, en que data foi capado, supoñendo que hoxe se siga esa práctica. 

Ao descoñecer todo, o consumidor non é quen de seguir unha restra de información que garantiría a tan cacarexada trazabilidade de produto: pode suceder que o porco sexa galego até tres meses vendido en Amio (Santiago) a unha empresa catalá, cebado alá e logo vendido aquí como marca e por suposto cun prezo que traduce en primeiro lugar as viaxes do pobre animal. Da vitela pasa outro tanto xa que só no caso de pertencer á IGP (indicación xeográfica protexida) Ternera gallega (do país cen por cen, menos o nome) non nos constan datos que figuren nun etiquetado individual de información ao consumidor. Mesmo no caso da compra de polo chamado de curral descoñécese —porque ninguén informa, xa que non hai obriga legal— de que curral concreto é o tal polo e cantos días de vida chegou a sofrer o bendito animal. 

É evidente que a lexislación discrimina a pesca esixíndolle aos pescadores un grau de pormenor informativo que, lonxe de cobrir as necesidades dos consumidores, prexudica a capacidade de rendibilidade dos que se dedican á pesca: etiquetar ten un custo non trasladábel ao prezo final.

Etiquetado e desigualdade
Comentarios