Opinión

Falar de eleicións en lugar de política

UNHA COUSA é que haxa un ditado acerca das cousas que son interesantes para seren tratadas nos medios de comunicación, e outra moi distinta que os asuntos da axenda marcada teñan verdadeiro interese colectivo. É importante para a nosa vida observar o papelón dos actuais responsábeis do Congreso no asunto das negociacións para constituír goberno? Cremos que dito unha vez queda o tema esgotado. Non dá máis de si, agás que fagamos exercicios de bizantinismo partidario, interpretacións esotéricas e mais análise de bólas de vidro de adiviñar o futuro en forma de lotaría de cargos. Os cidadáns temos interese pola maneira de se desenvolver a política na medida en que se trate de gobernar as cousas da vida. Aqueles aspectos que precisan de decisións políticas porque son relevantes para o día a día e tamén para ter perspectivas de futuro.

O conxunto de cidadáns en idade activa teñen moito interese en lograren un posto de traballo bon; os que xa o teñen queren non perdelo, os que están en paro queren logralo e os que están descontentos ou teñen un traballo cativo aspiran a atopar un medio de mellorar. É absolutamente irrelevante que P. ou P. (é dicer, Pedro ou Pablo) dean acordado quen ten máis cantidade de razón, medida en peso de votos: nengún dos dous demostrou ter lexitimidade para se facer cargo do goberno dos intereses comúns dos cidadáns activos.

Os cidadáns que están esperando polo primeiro contrato de traballo están agardando —en número son centos de miles— a que existan orzamentos do Estado para que transcorra con normalidade a execución do gasto público, xa que iso significa oferta pública de emprego, así como emprego nacido en empresas privadas que traballan á sombra da demanda do Estado: desde as empresas de mantemento industrial até as de servizos vinculadas ao funcionamento das administracións públicas.

As empresas que están tremendo desde que o aloucado de Boris Johnson ameazou con retirarse da Unión Europea polas bravas, é dicer, sen acordo, desexarían contar non só con decretos-lei máis ou menos previsores, senón con foros de discusión pública que favorezan a busca do mellor camiño para afrontar o problema. Como se vai poder falar deste problema real se non hai espazos públicos e publicados ao xeito?

Ás persoas galegas emigradas no Reino Unido gostaríalles poder contar cun trato nos medios de comunicación semellante ás rexoubas, regueifas e demais trapalladas con que se enchen xornais, telexornais e redes sociais –que mais ben parecen asociais-; precisan dunha certa seguridade de vida, polo menos laboral, xa que a de residencia xa está perdida.

Os xubilados desexarían que alguén lles dese un pouco de tranquilidade para enfrontar con certa paz unha etapa da vida máis dependente, menos activa e con nula perspectiva de ir a mellor. Non é moito pedir: viveren sen sentírense aterrorizados.

As mulleres precisamos crer que é normal aspirar a ter status respectábel: persoas que son suxeitos de deberes e de dereitos en todos e cada un dos campos de realización dos seres humanos.

Comentarios