martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

O ideal de mulleres libres e bébedas

Non era esperábel que este asunto, a loita das mulleres, tivera que pasar por isto, non tiña por que, aínda a pesar de que a confusión reinante derive niso: nunha bebedeira, un lamentábel estado de alleación (aínda que sexa superábel) da persoa atinxida, e, no caso das mulleres, de vulnerabilidade. Si, xa sei, nunca deberíamos caír no erro de identificar consigna con contido, pero aseveramos que mesmo para lema é moi mellorábel. Entre a milleira de lemas bons, é máis importante que atinen no albo da situación que poida ser máis universalizábel a todas as mulleres. Certamente, unha muller soa nun mundo de lobos pasa medo, e deféndese con loita libre ou leva no peto pementa en po. Pero afirmamos que é dubidoso que o máis común ás mulleres españolas, baixo á atención do ministerio correspondente, sexa a preocupación de que mesmo bébedas non sexan atacadas. Porque falando de liberdades, e entre elas, as colectivas, aquelas que pasan polo fomento da convivencia en sociedade en busca de maior harmonía, algunhas mulleres, entre as que me conto, emprenderon desde época ben temperá —en termos xeracionais— unha loita tanto estratéxica como diaria para conquistar un lugar no mundo como persoas. En primeiro lugar, cos mesmos dereitos que os varóns (dereitos civís, laborais, políticos, en fin, de proxecto de vida proprio) e, en segundo lugar, coa posibilidade material de realizalos, nunha conquista diaria de espazos e vida propria. Esa loita abranxía o conxunto das mulleres en tanto que tales, e tamén o distinto sector parte das distintas clases sociais: comprendía os colectivos con certa homoxeneidade e, polo tanto, con causas comúns. Así, por exemplo, diríamos que os problemas de saúde (ben ou mal tratados) atinxen igual á proprietaria dun banco que ás súas empregadas; non obstante, os problemas salariais, de promoción ou de compatibilidade horaria coa vida propria… son substancialmente distintos entre a primeira e as segundas. A loita polo traballo como paso para a independencia económica non rematou, e é ben sabido que constitúe unha condición necesaria —aínda que non suficiente— para lidar pola realización persoal. Tense demostrado que a dinámica das relacións no mercado de traballo require certa experiencia social das mulleres para consolidar as conquistas laborais, é dicer, non hai na sociedade automatismos que convertan en libres os seres por teren traballo remunerado. Os procesos sociais como os do rol atribuído ás mulleres son de longa vida histórica, cunhas fondísimas raíces na noite dos tempos; non son mudábeis por milagres nen por xeniais consignas, por moito que procedan dun ministerio rexido por entusiastas. Mesmo, no noso caso non se pode asimilar a situación das mulleres traballadoras nas grandes urbes tipo Madrid, ás galegas. Constatamos que as mariscadoras, as redeiras, labregas e gandeiras, as autónomas do comercio, profisionais da sanidade, do ensino ou as bravas innovadoras nos deportes antes só masculinos, non son quen de se identificaren con esa consigna. Sabemos que hai miles de mulleres galegas que percorren soas grandes e pequenas distancias para iren traballar, e temos constancia, tamén, de que o problema de acoso case nunca está no camiño.

O ideal de mulleres libres e bébedas
Comentarios