Opinión

Inevitábel tema: virus global

Semella imposíbel eludir o tema que invade os medios de comunicación e tamén os de descomunicación. A incidencia, efectos e máis propagación do virus agora denominado Covid-19 ocupa case todo o espazo informativo, así como tamén aqueloutro de difusión de alarma, terror e estupideces de todo tipo.

Dado que non imos engadir nada que mellore o noso coñecemento e mesmo o noso benestar ou medioestar, interésanos situar en contexto esta especie de nova epidemia global. E agora aparece —por fin— a palabra: global. É unha ameaza global, ao igual que o é o conxunto das relacións económicas dominantes. Tamén as relacións políticas e as culturais e todas as restantes relacións humanas que se dan no mundo, neste momento. Precisamente é moi recente a unanimidade de uso do termo globalización para describir o conxunto de fenómenos que acompañan a mundialización das relacións económicas que existe desde hai varias décadas: primeiro foi o investimento estranxeiro: capital situado como investimento directo en lugar económico distinto do de procedencia —e, en réxime de liberdade política, non como resultado da colonización—; despois deuse (a continuación da saída da crise dos 70 do século pasado) a deslocalización da produción. Este modo de investimento estranxeiro era novidoso polo feito previo de segmentación en varias fases separábeis dos procesos técnicos de produción: xa non se fan automóbeis nunha factoría única encargada de todas e cada una das fases. Pasouse —seguindo con este caso— a construír automóbeis como un ensamblado de partes ou pezas encaixábeis que se elaboraban mesmo con distancias de miles de quilómetros. Así se explican os problemas que se teñen dado na fabricación en Citroën —ou en calquera outra factoría— ao existir atascos no transporte ou simplemente problemas na cadea de subministros. A dependencia desa cadea de ámbito mundial, para rematar o produto final, é total. A industria de automoción é hoxe só un dos casos, xa que case toda a produción mundial está mundializada no sentido de se dar integrada no espazo universal.

Denominamos globalización desde o momento histórico en que a integración da produción acolle tamén ás relacións financeiras. É dicer, non só é mundial o proceso de elaboración dos bens no sentido material do termo senón que tamén son globais (en todo o mundo) as finanzas: as relacións bancarias e todas as que forman as relacións financeiras. Poderíamos citar para ilustrar o coñecido problema das preferentes que afectaron a tantos cidadáns con ansia de boa conduta financeira: compraron (ben asesorados polo seu banco) un monstro financeiro do que non se sabía nada, a non ser a ansia dunhas ganancias elevadísimas. O suposto é que había un choio nalgún lugar do mundo, convertendo os euros do aforrador en miles de euros por obra e graza do milagre da globalización. E pasou o que pasou: era un timo global.

É un engano intentar convencer ao cidadán medio de que, despois de globalizar case todo, os virus nacidos ou transferidos doutros seres nun lugar do mundo van quedar paralizados nese lugar do mundo. Globalízanse ao igual que o resto.

Comentarios