Opinión

Lucerío, lucerío

Nós, os galegos, antes eramos máis discretos, e mesmo existía un certo reparo á exhibición de recursos estragados en bombas e luces

NON SABEMOS se existe a palabra "lucerío" no noso idioma, pero, aínda que non, é ben entendida coloquialmente como sinal de esplendorosa e rechamante demostración de poderío. Debe de existir algunha relación cultural co legado árabe que deixou mostras das súas creacións alá onde permaneceu dominando ao longo de séculos, e soterrada, outros. É probábel tamén que exista conexión entre o uso das luces e o estrondo da pólvora como elemento festivo.

Un estourido producido non polas bombas de palenque ou os fogos artificiais (en boga desde o século XIX mesmo como alarde técnico de imitación ás luces producidas sen control por fenómenos naturais), senón o que consiste nun continuo uso de petardos, bombas, tracas, "fallas" e mais iluminación eléctrica, habitual e, polo que parece, imprescindíbel nas festas en toda a cultura mediterránea e tamén en Andalucía. Nós, os galegos, antes eramos máis discretos, e mesmo existía un certo reparo á exhibición de recursos estragados en bombas e luces que non cobren absolutamente nengunha necesidade máis que a ostentación de poder de gasto nun consumo que se acaba en si mesmo. Agora constatamos que cambiaron os tempos e, se somos quen de chamar a atención coa exhibición do maior lucerío do mundo mundial, é que algo non vai ben.

Sempre convén se fixar naqueles que fan mellor as cousas que nós, xa que é probábel que vivan mellor e ao mesmo tempo fagan un uso racional dos recursos con que contan. Así, por exemplo, nas cidades vascas, núcleos da maior renda distribuída per capita desta parte do mundo e comparábeis en nível de vida ás máis ricas de Europa, non acenden lucerío algún, non converten as rúas nunha exhibición de gasto prescindíbel e basean o labor municipal do Nadal noutras accións máis dignas de encomio.

Por outra parte, ao se comparar, convén tamén seguir conservando o sentido da proporción, xa que non ter conta das medidas converte os cidadáns en desmedidos a todos os efeitos: Nova Iorque é Nova Iorque, Hollywood non cae por aquí e en Dubai empezan a fallar os dispositivos de clima artificial, e empeza a non ser tan atractiva para os estranxeiros, os seus habitantes. Non hai na Galiza actual ningunha cidade comparábel a nengunha das citadas, mais, ao mesmo tempo, non precisa nengunha delas, nen Vigo, nen Ourense nen Lugo viver pendentes de cando se acenden as luces do concello para empezar a ter alegría e consumir como posesos. Non vale de nada o argumento paifoco do retorno (?) expresado en gasto de bares e combustíbel realizado polos redondeláns para ir ver as luces de Vigo, por exemplo. En todo caso, non é retorno de nada; é redistribución do gasto ou aumento innecesario do gasto entre viciños con motivo das festas. Iso non fai que retorne nada, senón que, á parte dos euros que custaron os 6 millóns de lámpadas "led", gastarase inutilmente unha outra cantidade de recursos con moito mellor destino nunha sociedade non botada a perder. É un pouquiño penoso.

Comentarios