Opinión

Microviolencias?

HAI UNS neoloxismos que non sabemos se achegan algo ao acervo de termos lingüísticos ou se só son neo: é dicer, unha novidade creativa no vocabulario habitual pero baleiros de contido.

Tal pensamos que sucede co neoloxismo micromachismos. Para que signifique algo quererá dicer que os machismos coñecidos xa teñen tendencia a desaparecer e hai que vixiar a aparición daqueles outros tan subtís que, mesmo de non estares con toda a atención, case poden pasar desapercibidos. Negamos o da subtileza, negamos o da aparición esporádica e tamén negamos o da súa categoría de menores, que vén incorporado de seu na partícula micro. En fin, consideramos que non é útil, nen funcional nen descritor o dito termo, polo que podemos esquecer o seu uso, e pasar directamente a seguir usando en todo o seu cru significado o termo de machismo, que é moi cativo na súa beleza semántica pero como algunhas verdades moi clarificador.

Podemos esquecer o uso de micromachismo e pasar directamente a seguir usando en todo o seu cru significado o termo de machismo

Así, por exemplo, o que lle pasou a unha amiga miña no médico non é posíbel incluílo no caixón ese dos micromachismos. Queda moito mellor descrito como machismo puro e duro, por moi habitual que sexa ou que suframos a cotío as mulleres. A miña amiga traballa (logo de se xubilar) en coidados persoais e abranxe un amplo abano etário: desde 95 (da súa nai) a 6 anos en diante (dos seus netos): tivo a sorte de poder diversificar tipos de atención, cobertura de necesidades e mais intercambios de experiencias. Pois ben, un día apareceulle unha certa dor nos cadrís. Non lle deu importancia, pero pasadas varias semanas acode ao médico dunha empresa de seguros privados que ten moitos clientes en Galiza e tras unha atención (?) de 5 minutos espétalle: "Señora (díxome que tamén berraba, pero era porque pensaba que as mulleres de certa idade somos xordas), vostede só ten dores e nós estamos aquí para ver enfermos". Non precisamos dicer que a miña amiga saíu desa consulta con dous tipos de dores: a dos cadrís que non remitiu e a da cabeza, por ter que se conter civilizadamente ante unha agresión verbal de tal natureza, así como a denegación de atención médica requerida.

Xa cando pasamos a este plano imaxinemos un caso semellante nunha consulta onde médico e paciente sexas homes: no caso de que o primeiro ousase maltratar o home doente, este sempre pode responder cunha violencia equiparábel, constituíndo esta posibilidade a mellor arma de defensa cando de relacións violentas se tratar. Unha outra alternativa entre unha situación de consulta dunha dor protagonizada por varóns (médico e paciente) é que nunca pasaría polo desprezo, nen a desconsideración nen a negación do seu carácter clínico. Se hai dor, se molesta, se non cedeu soa, se dura varias semanas, deberá ter unha certa causa ou unha orixe: a misión esperábel do galeno é facilitar a cura e non agregar máis dor á existente. Non hai xustificación para unha actuación como a que descrebemos e tampouco é correcto denominala precedida dunha partícula (micro) que pode inducirnos a soportar, como leves, agresións en toda a regra.

Comentarios