Opinión

Modelos industriais diversos (I)

A historia de crecemento dos países que hoxe son os máis ricos do mundo, ou de outros que, sen séreno, gardan moi ben a capacidade de proporcionar boa vida aos seus cidadáns (USA, Francia, UK, Alemania, Xapón, no primeiro caso; e Noruega ou Dinamarca no segundo), teñen en común dúas características ben notábeis: son industrializados e medraron cada un cun modelo diseñado por eles mesmos. Mesmo, pódese dicer de todos que non foron terra ocupada, nen colonia de ninguén nen dependentes de ninguén. Por esta razón cremos que é bastante probábel que ese modelo histórico dentro do capitalismo teña algo que ensinar a potenciais deseñadores dun programa de recuperación económica, nun momento como este, en que conflúen —a súa vez— dúas experiencias: máis vale industria propria que máscaras no ar (ou en China, que vén sendo o mesmo) e mellor son as proprias forzas que as que veñan polo camiño do turismo, porque pode estar pechado. Cando se comparan as cifras de industria duns países con outros, ou cando nos fixamos na cuantía dos distintos sectores, por exemplo, na magnitude do sector servizos, convén non se deixar sorprender e, por suposto, non comparar. As medidas comparativas das relacións e dos activos en economía deben se dar entre magnitudes homoxéneas: non é igual o sector servizos en Francia que en España, por moito que á primeira vista representen a mesma cuantía no PIB de cada país. E tamén é preciso lembrar que as estatísticas oficiais (suxeitas a acordos internacionais) reflicten economías nas que unha boa parte da industria clásica sofreu un proceso de terciarización ou, o que é o mesmo, desmembrou cara aos servizos actividades antes consideradas exclusivamente industriais. Un exemplo: no sector naval actual só é industria a realizada a pé de dique e as actividades de deseño, de enxeñaría, de calidade, de xerencia comercial, financeira e mesmo a xestión de recursos humanos está externalizada, realizada por empresas do sector servizos mais necesariamente vinculadas á construción naval. Queda en evidencia que non ten nada a ver esa componente do sector servizos co subsector servizos de lavandarías, ou bares e cafetarías ou albergues de peregrinos. A grande diferenza entre a industria propria e a dependencia do turismo é que na primeira prodúcense desde bens de primeira necesidade, como son os alimentos, a outros bens imprescindibeis para xerar outras actividades económicas que, por razón do arrastre industrial, crean emprego e riqueza.

Non se viu no cru momento da pandemia que en Alemania, Francia ou Reino Unido tiveran a máis mínima dúbida de dispor de máscaras, de EPIs ou de respiradores, pero tampouco lles vai faltar alimento porque o producen eles ou teñen maneira de intercambialo por outros bens.

As razóns para producir industrialmente todo aquilo que sexa preciso para a economía interna galega ten a enorme avantaxe de que producindo no proprio acadamos unha capacidade competitiva que nos permite exportar, e, sendo competitivos, seguir avanzando. Non hai nada mellor en economía dun país que se guiar do consello que seguimos as mulleres da miña xeración: ti co teu (Continuará).

Comentarios