jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Modelos industriais (e III)

Diciamos que a industria pode e debe ser construída en función dos intereses do país. E diciamos tamén que os intereses do país no seu conxunto ben orientados son a única garantía de resolver os problemas que no presente resultan agobiantes: os parados cun negro porvir e apuros enormes atoparían traballo; os que tiveron que emigrar poderían voltar; os de moita idade, que non albiscan xente nova que renove o país, atoparían enseguida a vida en activo, e os que din preocupárense polo problema demográfico comezarían a verlle unha solución: habendo emprego remunerado haberá enseguida mellor vida e a consecuencia inmediata, crecemento sostido. 

Neste momento de tanta preocupación non só pola pandemia senón pola morte de tantas empresas, e de moi pouca esperanza na solución do turismo, é acertado planificar investimentos industriais que cumpran os requisitos de preferencia postos pola UE para utilizar os fondos destinados á reconstrución económica. O monto que lle vai corresponder ao Estado español é de 140.446 millóns de euros. Os soportes do plan denominado NEXT EU que comezará a estar dispoñíbel en 2021 son: establecer unha axuda aos Estados membros para se recuperar, relanzar a economía e apoiar o investimento privado e contribuír ao aprendizado da experiencia da crise. Estes obxectivos levaranse a cabo grazas a programas concretos con denominacións acaídas a cada caso (coa tradicional nomenclatura comunitaria, un pouco especial). Falamos dos programas de desenvolvemento rural reforzado, axuda de recuperación para a cohesión e os territorios de Europa, Instrumento de investimentos estrátexicos ou novo programa de saúde, por citar só algúns dos posíbeis. 

Dos 140.446 millóns atribuídos ao Estado español, 77.324 millóns serán recibidos en forma de transferencias directas e os restantes han ser créditos para retornar nos prazos e intereses que se fixaren. O máis relevante refírese aos prazos de presentación dos plans de uso de fondos para investimentos, porque comezan xa a contar na primeira quincena de outubro, só en forma de proxectos concretos, coa normativa e usos burocráticos habituais na Unión Europea: non é unha listaxe de necesidades ou de ocorrencias. Deberán ser proxectos de investimento adecuados ás liñas señaladas. No noso caso terían cabida cunha acción gubernamental investidora en industria nova ou en sostén das existentes. A segunda cuestión a referir é que Galiza depende do seu goberno e das xestións que este faga co central para ser candidata a fondos europeos. A participación de Galiza no conxunto español debería outorgarnos disponibilidades non inferiores a 8.707 millóns de euros. Mesmo tendo en conta que cubrirían unha dispoñibilidade de 4 períodos significan montos financeiros moi superiores ao nunca visto na Galiza nos últimos anos. No orzamento da Xunta de 2019 estaban anotados 1.652 millóns de euros de investimento e, mesmo sabendo que teñen só un carácter de máximo (non falemos do grau de execución porque sería para enrubiar), os fondos europeos serían un 125% superior anual aos actuais. O camiño destas posibilidades financeiras está, non obstante, á espera de que Xunta e Goberno acorden actuar.

Modelos industriais (e III)
Comentarios