Opinión

O quid da educación

Sen necesidade de entrar en profundas investigacións, parece unha evidencia que o ton social que nos rodea é bastante violento, entendendo violencia como contrario de paz e harmonía. E non nos referimos nesta ocasión á medida das relacións sociais no plano máis abstracto, senón no micro- escenario das relacións persoais cotiás da vida de cidadán: no traballo (entre compañeiros), no acto do consumo, como usuaria de servizos públicos, ou pura e simplesmente camiñando polas rúas. É tan normal sofrer agresións verbais que mesmo semellaría —de non coñecer outras realidades— que o normal é xusto iso: sofrer. Dado que hai máis observadores da cualidade do ton social presente, é habitual ler propostas de novas materias para introducir no ensino obrigatorio. Preténdese compensar e conducir polo bon camiño o escamallado comportamento social dos nosos conxéneres. Así, os observadores cualificados do elevado custo social dos accidentes de tráfico e das faltas cometidas na condución de vehículos a motor, mesmo os sen motor, reclaman como necesidade imperiosa unha materia escolar de educación viaria. Garantiríase así que a agresividade e violencia usada na condución mudaría cara o respecto ás normas, a consideración da existencia dos demais á hora de se desprazar e de utilizar o espazo público, o coidado do espazo urbano e viario como bens comúns... e todo o que se nos poida vir á cabeza referido a estes actos. Mesmo teño escoitado que con esta materia sería condición suficiente para que os nenos aprendesen que non se debe insultar os viandantes e os outros condutores, tal e como fan os seus proxenitores, a diario. Hai outros cidadáns moi preocupados polo medio ambiente e o rol que desempeñamos como consumidores en prexuízo do mesmo. Este grupo tamén promove iniciativas para introducir no ensino regrado a materia de coidado medioambiental: aprenderíase a respectar o medio: non botar lixo na rúa: chicles por exemplo (hai algunhas beirarrúas que parecen tapizadas de ídem). Aprenderían a non se desfacer dos papeis, cabichas, botellas de auga e demais bebidas, tapóns, é dicer, a decoración dos campos despois do botellón e/ou dun festival. É probábel que aprendesen tamén que para se lavaren non é preciso ter gastado o de cinco duchas en cada sesión…; en fin, só saber o que se denomina educación cívica. Hai aínda máis propostas. Así, e dado o custo social elevado en sanidade pública para corrixir os efeitos dunha alimentación má —con grandes diferenzas por clase social— tense proposto incorporar unha materia ao ensino obrigatorio de nutrición para a saúde. Desa maneira, os escolares levarían ás súas casas coñecementos sobre a comida adecuada e eles mesmos inclinaríanse máis polos bistés de vitela que polas salchichas. A listaxe pode ser máis longa. Entendemos que totalmente errada ou polo camiño errado. A educación, a boa educación, non é unha materia de ensino: é o núcleo mesmo da vida en sociedade civilizada. Dá igual a nota que teñas en educación se a túa conduta é dun brután. Os ben educados consideran aos demais como lles gustaría ser tratados: é un modo de vida, non unha materia de ensino (Continuará).

Comentarios