sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Pagar por visitar (e III)

Primeiro, pagamos á Igrexa por visitar; logo, declaran os ingresos e, despois, pode chegar o día en que paguen impostos

DICÍAMOS A semana pasada que era un choio para os terratenentes o trato fiscal e de sostemento da súa propiedade que fai o Estado. Noutros países occidentais o Estado faise dono das ruínas e dos bens abandonados para facerlles cumprir un destino colectivo ou simplemente poñelas en pública subasta e que alguén tire beneficio do seu uso. Á súa vez, xa no mercado, poden render ingresos ao fisco: como vivendas, como hoteis ou como museos. Todo isto que aseveramos non é novidoso, nen innovador nen revolucionario, nen tan sequera orixinal: os liberais do XIX quixeron logralo coa desamortización pero non tiveron moito éxito, polo menos aquí na Galiza. Esperemos que un século e medio máis tarde e por obediencia na Igrexa do papa Francisco, comecen a lle dar outro uso aos pazos bispais, as residenciais de superluxo de bispos en exercicio e eméritos, en fin, un uso social a todo canto ben titula a Igrexa, xa que non é capaz de manter —porque depende das axudas públicas e/ou privadas— e non paga os mesmos impostos que o resto de mortais, que viven na vida civil (aquí na terra a única que coñecemos), deben pagar e pagan. Hai unha frase evanxélica que resume o que pretendo dicer: "ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus". No noso caso, neste presente, o César é o Estado e todos contribuímos, con mellor ou pior inclinación, a sostelo, pagando impostos, taxas, prezos públicos, portaxes ou todo o que a lei obrigue en cada caso, para exercer como cidadáns. A Igrexa Católica, non, é dicer, constitúe hoxe unha rémora desde a perspectiva da evolución xusta da estrutura impositiva. Que xustificación hai para que o Estado contribúa ao retellado de miles de metros cadrados das cubertas dos bens titulados pola Igrexa só examinando a ollo as posesións en Santiago de Compostela? Teñamos en conta que na visita a San Martiño Pinario fálase de 9.000 metros cuadrados construídos: tanto como o templo do Vaticano!!! E San Martiño Pinario, en todo caso, é un só dos numerosos que hai no termo municipal de Compostela (máis dunha ducia). Imaxinemos que a Igrexa pagase un IBI (imposto de bens inmóbeis), por deferencia, con desconto do 50% do que pagan os cidadáns titulares dunha vivenda habitual: se un piso pequeno na mesma zona urbana dos conventos, paga máis de 500 euros/ano (unha cifra media baixa), os ingresos procedentes do IBI das posesións da Igrexa serían unha boa fonte de ingresos para a Facenda pública e unha pequena xustificación para contribuír ao seu sostemento.

A discusión lucense verbo da gratuidade para as visitas aos monumentos en mans da Igrexa xa non é pertinente, porque hai que pagar en todas partes. Esta pode ser unha maneira de empezar un novo ciclo: primeiro, pagamos por visitar; logo, declaran os ingresos e, despois, pode chegar o día en que paguen impostos. Mentres isto non pase, é inútil falar da elusión fiscal das compañías multinacionais.

Pagar por visitar (e III)
Comentarios