martes. 17.09.2019 |
El tiempo
martes. 17.09.2019
El tiempo

Pagar por visitar (II)

DICÍAMOS A semana pasada que o papel do Estado como mantedor das propriedades de outro —nese caso dos terratenentes— era un papel penoso. O Estado asume todas as cargas de restauración, posta en uso, mantemento, posta ao día, incorporación das innovacións do presente, construción dos elementos de infraestrutura precisos para o seu aproveitamento público…, pero a beneficio dun proprietario privado que permanece coa titularidade e dominio a medio prazo. Unha relación posíbel entre eses dous contratantes —e aseveramos que máis xusta— podería ser algo así como: os bens de interese público que forman parte dun patrimonio cultural enraizado na historia do país, e que non son usados de forma privada en coidado e aproveitamento tal e como se considera legalmente aceptábel (o Código Civil di, mesmo conceptualmente de forma anticuada, como un bon pai de familia) deben ser incorporados ao patrimonio público. Xa se encargará o Estado de atender, coidar e darlle uso as súas propriedades como fai con todos os edificios públicos de calquera natureza, as obras de infraestrutura públicas ou as obras de arte proprias como, por exemplo, as do Museo do Prado ou as da Biblioteca Nacional. Con esa titularidade e como contribución neta ao sostemento do ben, é perfeitamente asumíbel a existencia dunha tarifa ou prezo público (segundo o caso) como contrapartida dun servizo público ou como prezo por un servizo ou ben adquirido. Nos paradores do Estado págase por servizos de hostalaría e no Museo do Prado ou nas murallas de Ávila, por visitar.

Non é o momento de discutir ou analisar a lexitimidade da propriedade cuxa titularidade atravesou séculos de historia, sen ser posta en cuestión. Até o presente só nos países que pasaron por unha revolución anticapitalista foi posta en cuestión esa lexitimidade. Non obstante, o resultado non foi duradoiro: volta ao capitalismo, volta á propriedade privada sen máis limite que a posibilidade de manter en uso social os bens titulados. En cada país hai un modelo distinto e a lexislación do dereito de herdanza regula ou modela en cada caso ese dereito. En USA é difícil manter unha herdanza sen ser societaria, dado o trato fiscal dese dereito, e noutros, como é o caso español, se non tes interese aínda que teñas posíbeis (Casa de Alba, por exemplo) xa se encarga o Estado de manter todo. A discusión sobre o dereito de herdanza tense cuestionado no ámbito da creación literaria: xa dixera Valle-Inclán que non habería nada máis revolucionario no século XX que terse anulado o dereito de herdanza. Podemos pensar nun momento, porque nos USA até os fillos dos Presidentes (por exemplo Caroline Kennedy) renuncian á herdanza, deposítana nunha fundación ou someten a poxa pública até os bens de enxoval ou de uso exclusivamente persoal. Seguramente o trato fiscal de posesións herdadas terá algo a ver.

Neste Estado español e dadas as circunstancias políticolegais é perfeitamente aceitábel que se cobre por visitar e usar bens públicos xa que é unha maneira de corresponsabilizarse de forma alícuota do mantemento do ben ou, polo menos, do seu coidado (Continuará).

Pagar por visitar (II)
Comentarios