Opinión

Por que me traducen?

VIDA DIFÍCIL –se queres revolverte coa infelicidade, é certo, se non é pura ironía de observadora– á dunha galego-falante natural, no seu país, galego artificial. Un día vou cansar e dou un espectáculo, por exemplo, á parte de escreber isto, vou e pásome ao francés, ou ao inglés macarrónico, que para andar pedindo comida e bebidas nos lugares públicos ben me dará. Imaxinemos que se dese a situación á inversa, co ingrediente indispensábel da reiteración. Non vale unha soa vez, é imprescindíbel a reiteración para que o/a sofredora acumule efeitos sucesivos e sinta o peso da burla.

Comezo polas traducións e logo iremos á alternativa de cambio social. Así, vas a un café e pedes un café con leite: e ouves "un con leche"? E vas ti e respondes "si, con leite, pero se non tedes leite, tráeo con calquera cousa". Outra vez, vas e pedes café só, descafeinado, e contestan "solo" e ti reiteras: "si, só", e berra: un "descafeinado solo". Nunha ocasión, perguntei por que me traduce e díxome o camareiro: e que crin que non sabía dicer "solo". Nesta ocasión non só non me pareceu mal o afán de me corrixir senón que o agradecín. Pensei: mira por onde, hai traballadores que teñen ansias docentes e aplican ese espírito de divulgación en todo momento.

Noutro momento, vou e querendo comprar chourizos pido chourizos (pareceume lóxico) e ouzo en voz ben alta: "Cal é a señora dos chorizos?". E, claro, eu non fixen aceno nengún de me dar por aludida porque non quería chorizos, nen teño ningún título nobiliario que me faga acredora de "señora de los chorizos" nen sequer nos lindes dun establecemento de bens alimenticios.

Tamén pedín queixo de ovella curado feito con leite cru, e xa foi demasiado: para me abaixar os fumes, díxome a empregada correspondente, nun volume de voz realmente intimidante: "Que dixo que quería, queso de que!!!" E eu, con calma e moita máis paciencia, contestei –nun volume moi baixo para non crear falsas expectativas de lío no súper– un "queixo de ovella, feito con leite cru, quero dicer, leite sen pasteurizar". E, ouh milagre! entendeu, atendeu, serviu e fun encantada. Despois de perder o tempo e facer uso das prácticas zen de docente.

Situación contraria. Imaxinemos que en Zamora, ou onde se queira, en que falen de forma dominante/exclusiva español, e vou eu e pido unha "tapa de mejillones" e vai o camareiro e dime "quererá dicer de mexillóns". Podes infartar: ou ben o camareiro é un emigrado da túa parroquia, e coñeceute, ou ben o poder do idioma foi asociado á procedencia do produto e universalizouse o nome como o champán. Como ningunha destas alternativas é plausíbel, imos ao miolo da cuestión. O normal no meu país é falar no meu idioma. O normal esperábel é que despois dunha escolarización onde nalgún momento e/ou dalgunha maneira se estudou o noso idioma, é mesmamente non só esperábel senón normal –na idea de sociedade normalizada– que se fale galego con normalidade e, de non ser así, que non traduzan a señoras que peitean algunha que outra cana.

Comentarios