sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

Profesores armados

Ás veces hai que examinar as novas da prensa como se tivesen que cubrir esa necesidade de humor escrito

HOXE NON HAI no mercado galego e no español publicacións periódicas de humor da mesma clase e difusión das existentes no franquismo e na transición. As actuais pertencen a unha gama distinta, no tipo comic e polo tanto destinadas a un público distinto do lector da prensa escrita. Por esta razón, ás veces hai que examinar as novas da prensa como se tivesen que cubrir esa necesidade de humor escrito. Unha dificultade a superar é a necesidade de pasar polo filtro da realidade, xa que, en principio, o escrito na prensa diaria son feitos e declaracións mais ou menos propagandísticas, pero con pretensión de ser reais. Nalgunhas ocasións ese filtro terá de ser moi agudo, moi fino porque é complicado facer a diferenza entre vida real e caricatura. Noutras ocasións chega cunha peneira de buratos ben gordos. Así pasou esta semana cando na prensa seria recolleron as declaracións do Sr. Trump. Dixo que para superar os asasinatos nas escolas e institutos dos USA estaría ben armar os profesores. Isto exixiría un programa complementario de entreno dos profesores para os adestrar no manexo das armas que se lles encomende. Unhas normas para lograr a eficacia no uso do armamento escolar, unhas novas dependencias nos centros escolares para depósito de armas e munición, outras reformas nos edificios para lograr a detección de entrada de armas desde o exterior (de forma universal porque hoxe xa teñen detección de metais nalgúns centros especialmente problemáticos), un reforzo nas cubertas por se se producise o acoso vía aérea, unhas comunicacións por radio ou calquera medio non vulnerábel aos medios de telecomunicación a disposición dos delincuentes habituais, e tamén unha lección complementaria nos ensaios de evacuación que conteña tácticas de guerrilla para eludir un ataque por sorpresa.

Non é preciso pensar que estamos identificando esta nova coa sección de humor dos xornais actuais. Nada mais lonxe da realidade, o que sucede é que se non fose porque é real parecería unha páxina da vella Codorniz ou do Can sen dono, e como non é unha brincadeira non convén deixalo de lado porque hai neste lado do Atlántico mentes privilexiadas, mellor dito cargos privilexiados, que copiando o modelo ianqui para moitas cuestións relativas ao Estado de medioestar (foise rebaixando o benestar pouco a pouco...) poden tomar a idea como boa e aplicala aquí no ensino obrigatorio. Loxicamente en ámbito español de ensino obrigatorio non hai feitos semellantes aos da sociedade mais armada do mundo e onde ocorren desgrazas de semellante horror, como morrer baleado por ir á escola. A emulación española non tería tanto a ver co armamento nas escolas como co aumento da segregación escolar, aumento da desigualdade desde a primeira infancia. O feito de manter as diferenzas no ensino obrigatorio, todo el sostido con fondos públicos —o público/público e o concertado (negocio privado sostido con cartos públicos)— crea as condicións de reprodución da desigualdade de oportunidades, xa que a igualdade só se garante, para todos e cada un, cando a oferta pública é idéntica para todos.

Profesores armados
Comentarios