Opinión

Segredos da Xunta

PODERÍA SER un efeito na vida social derivado da cociña a lume manso. Hai unha chea de pratos proprios da nosa cultura que só poden ser feitos –en condicións– a lume lento: é unha incitación á vida amodo, amodiño. Pero, nos procesos que teñen a ver coa vida cotiá –distinta da cociña–, por exemplo, no traballo de cada quen, a esixencia actual case é de hoxe para onte. Ademais axudados –no pensamento– que non na acción, dos medios de comunicación en tempo real, poderíase pensar que todo ha ser, xa que non automático, si polo menos ben rápido. Esta sensación desaparece ao se enfrontar en Lugo coa administración, por un lado, a local e, polo outro, autonómica.

O feito é como segue: unha amiga miña viuse na necesidade de solicitar do arquivo municipal un documento do ano 2013 que foi remitido ao citado enderezo. Despois de varias semanas logo da solicitude formal por rexistro nen sequer recebeu notificación algunha verbo da súa petición. Seica cada día que pasa pergúntase a si mesma: será hoxe o día en que me contesten?; terei a sorte de ser agraciada coa contestación do servizo de arquivo para poder consultar o documento do meu interese?; terei que facer outra petición alegando necesidade imperiosa ou desexos irreprimíbeis de conseguir a información que preciso? Deberei pensar nalgunha outra fórmula para lograr ser atendida? Terei que buscar recomendación por exemplo, no bispado, como caso de conciencia ou necesidade? Ou ben deberei ir á Valedora do Pobo para conseguir ver un documento que está fisicamente no Arquivo Municipal?

Hai unha chea de pratos proprios da nosa cultura que só poden ser feitos –en condicións– a lume lento

Nestas coitas deixei a miña amiga para me atopar eu inmersa nun caso case kafkiano. Por razón de necesidade dos meus traballos sobre demografía, batín finalmente coa Delegación da Consellaría de Educación e Cultura en Lugo, requerindo da sección correspondente do servizo que debería ter conta dos dados estatísticos de Lugo o número de nenos matriculados en Lugo por concellos, comezando polo proprio de Lugo (xa non relato a estatística que obra no Concello porque é o conxunto baleiro). Este dado non é obxecto de publicación polo IGE (Instituto Galego de Estatística); en cambio, si publican (como é normal) os dados da poboación por concello, clasificada por idades, sexo e orixe de nacemento. Non só non tiven acceso a un dado que non está nen moito menos atinxido polo segredo estatístico senón que despois de facer unha petición formal por rexisto non me foi facilitado dado algún nen ten moita traza de chegar a ser.

Imaxínense que calquera que coñeza os bedeis dos centros ou algún profesor, pergunta por teléfono o número de nenos matriculados no curso presente, e só sumando (non é un estatístico complexo, é so de agregación), xa obtén o dado preciso. Cal será a cautela que fai ocultar semellante información? Cal será o pensamento de propriedade dun dado social e polo tanto público referido a un número concreto de alumnos no ensino obrigatorio? Son misterios, neste caso lucenses, pero exportábeis como artículos de luxo.

Comentarios