Opinión

Seguimos coa VW

As emisións ao medio ambiente son mercadoría de cambio e comenencia, que os dereitos violados dos consumidores son 'peccata minuta'

PODERÍAMOS FALAR da relación EstadoCompañías Multinacionais como dun matrimonio. O tipo do mesmo admite variadas cualificacións: de comenencia, de intereses, á forza, endogámico, por amor 'fou', temporal, matrimonio entre desiguais, mesmo ten sido cualificado de incestuoso. Deixemos nesta ocasión a adxectivación e observemos o contido desa misiva enviada polo 'Ministerio del Interior'. Como é sabido, foi descuberta unha grande estafa de ámbito e natureza mundial pero con repercusión mesmo dineraria en Europa, referida á falsificación programada dos dados de emisións —á atmosfera respirábel— de gases de combustión de vehículos diésel, en concreto da marca Volkswagen. A partida de vehículos certificados como de baixas emisións controladas gozou de tratos fiscais especiais dos que se beneficiou a compañía, non os usuarios/compradores. Unha vez levantado o escándalo, a reacción —momentánea ao menos— dos diferentes estados foi moi distinta: nos USA houbo denuncia en sede xudicial por conspiración, obstrución á xustiza e importación con declaracións de conformidade falsas: o resultado foi a obriga por parte da compañía de recompra dos vehículos afectados e cun custo aproximado de 4.300 millóns de dólares sobre as contas de resultados de VW. Aínda hai outro feito medio chusco: existen depósitos enormes de almacenamento dos coches recomprados de tales dimensións que se poden ver vía aérea: en California, Maryland e Michigan, ringleiras e ringleiras de Volkswagen e algún Audi cuxo destino, ¡ollo!, está por determinar. Coidemos de que non aparezan nun segundo mercado de calquera parte do mundo sen restricións para as emisións de NOx!!! Tamén se deron casos de resposta particular, por parte dos estadounidenses, na entrega do automóbil: un pouco desmantelado, sen asentos, sen faros, sen portas, sen cristais..., só con rodas, motor e chasis: foi unha resposta popular á interpretación libre do contrato de recompra. Entre pillos anda o xogo.

No caso español, de recompra, nada de nada. De facto, admítese que non importan nada as emisións de NOx, que as emisións ao medio ambiente son mercadoría de cambio e comenencia, que os dereitos violados de consumidores enganados son 'peccata minuta', que a falsidade en documento público se pode permitir dependendo de quen sexa ou do que sexa. O que fai o Estado Español é permitir á compañía que convenza aos usuarios dos seus vehículos falsificados para que acudan ao taller sinalado e alí se sometan, mellor dito, deixen o seu vehículo, para que se lle faga un amaño. Digo 'amaño' con toda a forza do seu significado, porque o que se fai nun taller portas para dentro é case segredo de sumario e, neste caso, ao contrario doutros, non hai filtracións. É dicer, un usuario de vehículo diésel Volkswagen cun automóbil que certificaba emisións controladas de óxidos de nitróxeno, pagou por el gostosamente un prezo elevado, e logo da estafa pública entrégao para que o amañen, como se se tratase dun defeito de fabricación e non dunha falsificación programada. Para esta función, é a 'Dirección General de Tráfico'. Hai algúns cidadáns que inocentemente criamos que estaban para outras misións.

Comentarios