Opinión

Sinaléctica

Que bon sería que só precisásemos unha norma dita unha vez, escrita outra e nunca repetida, para sabérmonos orientar nas estradas de circulación!

É DIFÍCIL VIVER en sociedade porque hai moita diversidade de persoas e, por riba, algunhas son moi pouco conformistas. É complicado que estexan a gosto coas cousas, son mal adaptadas, mal cabidas, mal acomodadas e, como é lóxico, dado que en democracia ten que haber de todo, a cantidade de persoas difíciles complican a existencia dos restantes membros da sociedade. Así, por exemplo, que bon sería que todos tivésemos exactamente o mesmo horario de actividade diúrna e de actividade nocturna: non sería preciso regulamentar as actividades nocturnas, por exemplo. Que bon sería que só precisásemos unha norma dita unha vez, escrita outra e nunca repetida, para sabérmonos orientar nas estradas de circulación!!! Que bon sería que fósemos como os noruegueses, tan ben mandadiños que poñen un sinal ao comezo da vía, cun aviso, por exemplo, prohibido ir a máis de 50 e xa non gastan máis noutros sinais, non volven aparecer, así teña 1 quilómetro a devandita rúa.

En cambio, nós precisamos de avisos continuos: prohibido ir a máis de 30 por hora, en vertical, sinal de metal con pintura reflectante; prohibido ir a máis de 30, pintado no proprio piso da calzada: prohibido ir a máis de 30, sinal de poste luminoso con ‘"led" intermitente…, e isto todo, de cada pouco, porque o director de sinais xa sabe que traballa cun povo infantil, distraído, cunha disciplina inexistente, gostoso de infrinxir todas as normas, a comezar polas de tráfico, amante de se pasar sistematicamente os límites, os de velocidade, e os outros. Así temos logrado co aumento do número de vehículos en circulación, que viñeron da man do crecemento económico, un aumento máis que desproporcionado dos sinais asociados á información das normas de circulación. O noso xa non é o país dos mil ríos. Agora podemos chamalo o país do millón de sinais.

Hai estradas onde semella que, en lugar de eucaliptos, alguén deu a orde de plantar sinais. E abofé que hai un verdadeiro bosque de postes de sinais de tráfico, ou poderíamos chamarlle "sementado de información suplementaria" coas siglas SIS, porque así unha xa sabe que ao se tratar de algo innecesario pode prescindir de lle prestar atención: dicemos ZONA SIS e dedicámonos simplesmente a circular prudentemente sen sobardar nunha estrada desa categoría os 90km/h nen 50 en zona urbana (que nestes casos son as casas da estrada, ou os bares co nome "O Stop") Así, por exemplo, de Lugo a Santiago, despois de deixar a A-6, cando se circule pola N-634, pode ser un perigo para a circulación do tráfico de persoas e mercadorías ir respeitando escrupulosamente os sinais: hai baleiros informativos. Despois dun sinal de prohibido ir a máis de 80, vén un inmediatamente de prohibición de 50 e xa non aparece nunca un outro que informe do desaparecemento da segunda prohibición. A actuación esperábel dunha persoa disciplinada e ben guiada é seguir a 50k/h até que deixe de estar prohibido, ao final do camiño, autovía de Lavacolla, xa a 11 quilómetros de Santiago, iso si, tres horas despois.

Comentarios