sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Só me pasa a min

O problema podería presentarse cando saiamos fóra da esfera da burramiada madrileña que xerou esta excepción

ISO DE SE considerar única no mundo faite converter en importantísima. Como unha 'star' de Hollywood (por certo, hoxe en mans de capital xaponés e chinés), desas que teñen a matrícula do seu auto co nome proprio. Teño unha tarxeta bancaria que, á parte da restra de números correspondentes do seu sistema de identificación, poñen como nome de usuario María Do Carme. Así tal cal, sen apelidos. E, segundo lles pareceu, é suficiente, e cumpre o necesario, para eu andar polo mundo cunha 'visa' que diga María Do Carme. Estupendo, pensei. Acadei as cotas máis altas da fama, e, na empresa que grava as tarxetas, na empresa proprietaria do negocio 'visa' do banco emisor, na oficina que a comercializou, e, vamos..., no mundo en xeral, é posíbel identificarme con esas tres palabras.

O problema podería presentarse cando saiamos fóra da esfera da burramiada madrileña que xerou esta excepción. Na "recóndita" Galiza presentar unha tarxeta sen apelidos induciría a chamar a policía para que me identificasen como falsificadora de tarxetas. Tamén se se me ocorre ir a Portugal e pagar con esa tarxeta; diríanme algo así como: "mas a senhora está de brincadeira, isto não é um documento homologado". Se na busca de emocións fortes viaxando, vas a un sitio cun pouco máis de seriedade e coñecemento que no centro peninsular ibérico, por exemplo, Cataluña, dirían: "Sra. Carme, aquí non hai apelidos, é imposíbel utilizar esta tarxeta". Xa non digo nada de ir a calquera outro país alén dos Pirineos ou enriba (coma Andorra): tarxeta crédito máis tarxeta de identidade non concordan. Mesmo me poden empapelar por falsidade en documento.

Púxenme en contacto coa empresa emisora (que se dá o caso de que é outra distinta do banco). Chamas a un número de Madrid (estou certa porque empeza por 91) e contesta primeiro unha máquina coa cantilena de sempre (unha voz feminina sen modulación) e, despois de marcar o número do teu 'dni' (xa pensei, que forte!!!), pasas por un filtro de opcións posíbeis e, logo, ouzo, por primeira vez na liña telefónica, unha persoa, que xa me ten identificado. Expóñolle a necesidade de cambio de tarxeta para que aparezan os apelidos e despois de se mostrar asombrada porque son demasiadas letras, caio na conta de que se está dirixindo a min chamándome María Do. Agora está todo claro.

O banco que traballa co meu diñeiro, aparte de se deixar malvender saben eles por que, foise meter nun furado doutro banco potentísimo que ten dividido os negocios segundo conveña. O das tarxetas para usuarios do meu nível (aínda que lle poñan por fóra ouro á 'visa') é negocio pataconeiro, non é interesante, e lévao alguén nalgures deste mundo global que pensa que hai unha muller que se chama Do. Moito máis xustificábel porque leva diante María. Con este razoamento Carme é o apelido e xa está, tarxeta completa, quen o decide ve un mundo con centos de millóns de chineses con nomes en alfabeto romanizado, moito máis breves.

Só me pasa a min
Comentarios