lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Soldo das forzas armadas

DICÍAMOS DÍAS pasados que tiña sido unha política económica errada a seguida polo goberno español, en plena crise. Para xustificar os recortes aducíase a necesidade de facer menos gastos, de aforrar en gastos prescindíbeis, a fin de cumprir cos requisitos marcados pola UE de déficit tendencia cero. Cada Estado comunitario da zona euro levou a cabo unhas medidas de política económica tendentes a ese obxectivo, uns máis fundamentalistas que outros, uns máis cumpridores que outros e, finalmente, uns máis interesados que outros en gardaren as formas pero adecuando as pautas internas de conduta orzamentaria aos intereses dos seus cidadáns.

Aquí foron os primeiros da clase en aplicaren a machado os ditados comunitarios sen maiores miramentos ou, por mellor dicer, sen miramento algún. Desta maneira, quedaron conxelados soldos e salarios dos funcionarios públicos, anulouse a creación de emprego público, nuns casos, simplesmente anulando a posibilidade de novos contratos, noutros, reducindo ao 10% a taxa de reposición e noutros, pura e simplesmente, cerrando o servizo. Baleirouse de contido orzamentario o desenvolvemento da lei de dependencia, e outras políticas das denominadas vulgarmente sociais ficaron no caixón dos fondos perdidos. Foi unha contribución neta á profundización da crise xa que ese tipo de aforros realizados desde a caída do gasto público colaborou activamente ao empobrecemento e á exclusión social das capas de cidadáns vulnerábeis. Díxose tamén desde a economía crítica que existían no mundo outras opcións de encarar a solución da crise, que a escolla de afectados por parte das accións da política económica do Estado podería ter sido outra e, finalmente, díxose que as accións do goberno nacen dun acto de vontade política, e a vontade, como se sabe, pode mudar pola forza ou polo paso de tempo que bota abaixo as teimosías erradas.

No caso que nos ocupa comezaron a mudar accións de política económica da crise subindo o soldo dunha parte das forzas armadas. Co motivo aparente das reivindicacións nacidas da comparación entre Mossos e Guardas civís (a aplicación do 155 facilitou a comparación de soldos e condicións de traballo entre uns e outros), o goberno encetou accións acompañadas de negociacións, xa en 2017, adubadas tamén con manifestacións dos afectados (iso si, vestidos de civís e sen armamento) rematando coa aprobación dunha suba de soldos substancial a executar en tres anos e por un monto aproximado de 1.500 millóns de euros. Non podemos máis que manifestar unha alegría entusiasta, xa que acabamos de presenciar o inicio dun xiro considerábel na política de emprego público e mais do aforro a conta do persoal asalariado.

Entendemos que quedou atrás a prohibición de subas de salario. Entendemos tamén que xa non hai problema de afectación á política de déficit tendencia cero, quérese dicer que se poden modificar outras partidas orzamentarias que cobren necesidades adiábeis no tempo, ou mesmo esquecelas de forma definitiva. A suba dos soldos a parte das forzas armadas deunos a entender que todo se pode mudar, se se quere, e só é preciso entender a necesidade para lle pór remedio, atendéndoa.

Soldo das forzas armadas
Comentarios