Opinión

Trump

Do presidente actual dos USA pódense aprender certas cousas. Mesmo algunhas poden ser utilizábeis nas relacións da Unión Europea cos amigos doutro lado do Atlántico. Se Trump pon o veto político ás relacións con Huawei (empresa chinesa moi agresiva comercialmente en tecnoloxía 5G), hai que se fixar en que antes, hai un ano aproximadamente, Google suspendeu todos os negocios con Huawei que puxesen en perigo o seu control sobre o software e o hardware de última xeración. É igual que dicer que o presidente dos USA, sexa quen for, nunca vai levar a cabo política exterior contraria ás empresas multinacionais norteamericanas. Pode significar tamén que o presidente non se equivoca en contra dos intereses americanos no mundo. O dominio dos Estados Unidos sobre o mundo non é dunha cara só: apóiase  sobre un dominio político, económico-tecnolóxico e militar que non ten por agora substituto. Pódese dar en certos momentos hexemonía industrial doutras potencias (Alemaña, China ou Xapón), pode aparecer algún xoven tigre asiático con potencia nuclear ameazadora, pode aspirar a forza militar de potencia similar o elefante dormente ruso, pode semellar que a hexemonía do dólar perdeu forza, pero, de momento e mentres non haxa evidencia en contrario, dominan o mundo. Non existe rede parecida de relacións diplomáticas, comerciais, financeiras, militares, culturais, de intelixencia exterior (para o noso uso: información, contrainformación, desinformación e espionaxe) que se poida comparar á estadounidense en todo o mundo.

O presidente dos USA, sexa quen for, nunca vai levar a cabo política exterior contraria ás empresas multinacionais norteamericanas

Por iso afirmamos que son, de momento, como Estado, os amos do mundo. Esta afirmación ten unha parte complementar: son os amos do mundo e son recoñecidos como tal. Nas relacións tanto persoais como as políticas sempre hai dúas partes; se non, non lle chamaríamos relación. A relación de dominio político leva aparellada a aceptación por parte dos non hexemónicos —ou inferiores— da posición relativa de dominio do principal. E dominador e dominado cumpren os seus papeis respectivos: neste momento di Trump aos europeos: "ollo con se relacionar coa compañía chinesa Huawei, que eu teño vetada, porque sería igual que pór nas mans do goberno chinés a seguridade de Occidente". E o rechamante da cuestión é que lle fan caso. Uns (Reino Unido, fraternal aliado ou familiar de toda a vida…) xa fixeron unha programación para integrar a nova tecnoloxía 5G fóra do ámbito considerado de máxima seguridade; outros (España, Francia…) responderon que xa van mirar de estudar formas de actuar que non sexan molestas para os intereses dos USA, querendo identificar iso cos intereses de Occidente.

Parece evidente que cando o presidente Trump fala, xa os órgaos diplomáticos e comerciais ianquis  teñen actuado de forma pormenorizada con todos e cada un dos seus aliados; que as empresas de tecnoloxía existentes xa están actuando na liña desexada polas empresas estadounidenses; e que a só cita dunha advertencia de inseguridade occidental vai ir seguida de actuacións consideradas de sumo cuidado. Mesmo, aquí, as relacións de Telefónica e Huawei —boas no pasado— parecen estar rotas en espera de novos provedores. Está sen acabar o último capítulo dunha guerra comercial mediada de formas políticas.

Comentarios