jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

Un alcalde 'de-Creciente'

Nas crises sae á superficie case todo o que estaba agachado. Algunhas cousas son louvábeis: os mellores sentimentos humanos da equidade e a disciplina social, a axuda mutua e solidariedade, seguindo polas ideas de colaboración máis orixinais e creativas, e chegando ás accións necesarias no lugar máis inesperado; e tamén os actos máis peregrinos e mesmo detestábeis que poidamos imaxinar. No primeiro grupo, incluiriamos a organización espontánea (á falta de programación) dos traballadores de diversos centros de atención ao público que ante a inacción dos responsábeis acordaron organizarse da mellor forma posíbel para cumpriren co seu cometido. Logo, debemos considerar as axudas individuais que nunhas ocasións son ocorrencias e outras propostas realizábeis pero en fase inicial, que non serven para nada no proceso crítico. E finalmente, aquelas outras saídas que pretendendo axudar, aborrecen, e, so pretexto de entreter, en realidade constitúen unha sobrecarga de prosmada social perfeitamente prescindíbel. E xa non temos por que citar os creadores de novas falsas, medias verdades que son mentiras enteiras, así como directamente estafas na rede. É dicer, hai de todo, como no mesmo teatro da vida, pero agora o foco é moito máis pequeno e queda á vista todo ao mesmo tempo. 

Tamén hai condutas idénticas ás de sempre que non desaparecen coa riada da crise e ás que non hai virus que as afecte. Así, observamos que os británicos son e se comportan como idénticos a si mesmos. Cunha frase fican retratados. Dixo Boris Jonhson: se teño que escoller, quedo coa economía, os mortos que produza a epidemia son perfeitamente asumíbeis. Seica cambiou de opinión despois de ouvir os berros dalgún especialista de sona mundial en pandemias. Tamén se dixo que, des que deu positivo no test de coronavirus, mudou de opinión no sentido literal da frase de "mortos perfeitamente asumíbeis". O ministro holandés de Finanzas, Wopke Hoekstra, opinou que España e Italia deberían terse valido por si mesmas xa que a UE non está para asistir a petos-furados ou desbaldidores. Non só deixou translucir o seu racismo cara aos do sul de Europa, senón que tivo que pedir perdón por falta de empatía, permanecendo á espera de ver o virus en acción nos Países Baixos. Se eu fose holandesa, non diría moi alto nada dos demais despois de ter unha taxa anual de suicidios das máis elevadas da UE, en concreto o dobre que a do Estado español. O perdón público do ministro holandés cadroulle ben situado no mes holandés do perdón: o seu Rei comezou marzo pedindo perdón en Indonesia polos crimes coloniais do pasado século (a riqueza actual non é só traballo). No noso país tamén hai de todo. Hai un presidente que nada máis empezar a falar en público do virus do demo, viuse impelido a se expresar só en español. Supoñemos que é un efeito secundario de ter asumido a xerarquía do goberno central dun mando único. Tamén lle pasou o mesmo ao alcalde de Crecente. Emulando ao presidente da Xunta declarou ser o alcalde de-Creciente.

Un alcalde 'de-Creciente'
Comentarios