jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

Valoración ética dos subsidios (e II)

Diciamos o luns pasado que un subsidio como o IMV (Ingreso Mínimo Vital) é a cobertura por parte do Estado dun ingreso considerado imprescindíbel para que a persoa receptora poida sobreviver. De se tratar dunha situación sobrevinda, debería vincularse a un carácter transitorio para solventar unha situación de tipo especial da persoa receptora; de se tratar dun problema crónico, a solución debería vir dun plan de eliminación da causa orixinaria. 

A base do fundamento político do IMV (Ingreso Mínimo Vital) é tratar de asegurar un ingreso que se considera mínimo para persoas ou grupos familiares que están en risco de sufriren exclusión social, que teñen un nivel de ingresos anuais reducidísimo. O caso é que o IMV non naceu como consecuencia dunha catástrofe senón para solventar en parte ou paliar un problema de pobreza crónica en España ou de paro estrutural. Constatado o problema de pobreza crónica e severa na economía española, consideramos que a abordaxe do mesmo deberíase liberar do concepto de subsidio para vinculalo a unha política pública de creación de emprego así como á busca da colaboración público/privado na mesma dirección. Dado que nace estipulado como un dereito a incluír no Rexime Xeral da Seguridade Social, deberíase tratar como unha cobertura para situacións transitorias. Este carácter transitorio esixe á súa vez un plan económico de acompañamento para resolver a causa dese tipo de pobreza e para evitar pagar a súa cronificación.

Se dividirmos en dous grandes segmentos os destinatarios do IMV, atoparemos no primeiro persoas activas mais sen traballo nin cobertura de desemprego; e noutro, un colectivo multiforme de persoas que por razóns de incapacidade innata ou adquirida nunca traballaron e teñen moitas dificuldades para se integraren no mercado de traballo. Os casos son completamente distintos desde a perspectiva da acción pública. Os primeiros son parados sen cobertura, parados de longa duración, traballadores temporeiros de pouca actividade anual, traballadores en sectores informais, paralegais, ilegais ou mesmo en tránsito, emigrantes sen papeis, recén excarcerados… No segundo colectivo atopamos persoas de capacidade diversa por razóns físicas, psíquicas ou de non preparación formal que no pasado nin se consideraban no reconto de potencialmente activos.

O problema que vemos non é do gasto. En realidade, o Estado este ano vai gastar igual en subvencionar a industria automobilística que en cubrir o IMV. A nosa análise crítica non se basea na cantidade de recursos que se han dedicar ao IMV, senón na súa base conceptual así como nos seus efectos sociais a longo prazo. O paro é na economía española unha característica estrutural e así se recoñece na exposición de motivos do real decreto lei creador do IMV. A solución dese problema debe, por tanto, ser focado como solución á falta de postos de traballo para os activos que figuran e os potencialmente activos que dá de si a economía do Estado. A solución está na reindustrialización, na investigación e desenvolvemento, no apoio á industria propria existente e na eclosión dun emprego público masivo en sectores públicos que sufren de depauperación de persoal.

Valoración ética dos subsidios (e II)
Comentarios