Domingo. 19.08.2018 |
El tiempo
Domingo. 19.08.2018
El tiempo

A Irmandade da afasia

ONTE CELEBRAMOS o Día das Letras Galegas e honramos a María Victoria Moreno, unha muller de Estremadura de vida galega por amor á nosa lingua e a Galiza. Máis unha vez, alguén de fóra a valorar o que nós desprezamos de feito. Lugo e Pontevedra viron o comezo e o final da súa traxectoria literaria.

Hoxe é o aniversario —102 anos!— da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña. Como é ben sabido, o seu obxectivo era a dignificación do país a través do uso público do idioma. Antón Vilar Ponte, un dos seus fundadores, asegurou que nunca tanto galego se falara e escribira como naqueles anos en que o tal movemento funcionou.

O soño de recuperar o uso normal da nosa lingua interrompeuse abruptamente a causa doutro movemento, o chamado glorioso por unha desas perversións da linguaxe que, adoito, acompañan as accións máis inicuas. Tras a desaparición do ditador, posta en marcha a autonomía, aprobada en 1983 a Lei de Normalización Lingüística, esperabamos un cambio de rumbo na perda de falantes. O feito de existir unha cátedra de galego na Universidade de Santiago de Compostela —don Ricardo Carvalho Calero foi o primeiro que a ocupou— e a licenciatura correspondente, dábanlle ou deberían darlle, de cara ao pobo que se vira desprezado por mor dela, un prestixio que a revitalizase.

O pulo crecente da literatura, o nacemento de novas editoriais, a creación da radio e televisión galegas e do Centro Dramático, a proliferación de grupos musicais monolingües, todo parecía sumar a prol da restauración lingüística. Houbo gobernos que quixeron facer letra morta a lei que aprobaran todos os partidos do arco parlamentar por unanimidade. Os sucesivos directores xerais de política lingüística, salvo honrosas excepcións, foron mornos na administración do seu limitado poder. E iso, cando non xogaron en contra, a considerar que debían darlle o mesmo trato ao castelán que ao galego, como se a súa función non fose a discriminación positiva da lingua relegada.

A crise foi o pretexto ideal para limitar máis aínda o tímido apoio á lingua de noso. Suprimíronse axudas á adquisición de libros galegos, traducións e outras actividades normalizadoras. Proscribiuse o único xeito de adquirir todas as competencias nun idioma, a inmersión, que, por certo, aínda non chegara á maioría dos centros de ensino. Decidiuse que, na súa propia casa, fose un estranxeiro, mesmo en maior medida que o inglés. Decretouse a súa morte por inanición.

Para mentir, tamén hai que se informar. O Presidente da Xunta asegura que o retroceso do galego é culpa do Bloque. Por falalo? Nin sequera no bipartito estivo a cargo de política lingüística.

A Irmandade da afasia
Comentarios