jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

A muller de Pitágoras e nós

CASE TODO o mundo, aínda non tendo grandes coñecementos matemáticos, recorda o teorema de Pitágoras. Se cadra, nin enteiro; mais alcanzarán a relacionalo cos catetos e a hipotenusa, presentes en tantos e tantos chistes. Porén, moi poucas persoas poderían dar noticia de Téano, a súa brillante esposa. É unha máis das moitas mulleres extraordinarias relegadas ao faiado do esquecemento, alí, xunto ás cousas que xa non serven. Aínda así, parece ser que cando falamos da proporción áurea, na que residiría a beleza (proporción, harmonía e simetría), non andamos lonxe dunha das súas principais estudosas.

O pai de Téano, Milón, foi mecenas de Pitágoras antes de se converter no seu sogro. Os pitagóricos non excluían as mulleres da educación, cousa de destacar porque falamos do século VI a. de C. e o debate sobre se as mulleres debían recibir instrución alén da destinada ao coidado do fogar, durou até non hai moito. Véxase o espazo que Rousseau lles dedica no Emilio.

Téano, segundo parece, escribiu tratados de matemáticas, física, medicina e sobre a amentada proporción áurea, porén a nós non chegaron máis que algunhas cartas incompletas. Tras a morte do home e mestre, foi ela a que espallou, xunto cos fillos e fillas, o seu pensamento.

O dourado termo medio ('aurea mediocritas’), tan querido por Horacio, está emparentado directamente coa proporción áurea na que a voz de Téano aínda nos interpela.

Son amiga de facer cabriolas, de dar saltos acrobáticos, como terá comprobado quen seguir o que escribo, e hoxe quero facelo tamén.

Ese "dourado termo medio" que nos previría dos excesos ("Causa inquietude o moito desexar", Rosalía dixit) e nos faría máis felices, non por casualidade os epicúreos o profesaron, deveu nos nosos tempos en, se me permiten a expresión, "enferruxado termo extremo".

Que quero dicir con isto? Que fixemos da desmedida e o filisteísmo un modo de vida. Isto converteunos en predadores dos nosos e nosas conxéneres e, se o termo vale, do planeta que nos acubilla e dos seus recursos limitados. Se a desmedida se producise soamente no amor á humanidade, de certo que todo había volver á harmonía e á proporción.

Que moi poucos no mundo posúan eles sos máis que a suma de todo o resto, se ben non nos pode convencer, tampouco pode desculpar a nosa insolidariedade. Area a area faise a praia. Especialmente nestas datas, hásenos pedir colaboración. É Nadal. Á marxe das crenzas de cadaquén, o orbe debería ser todo el o lugar onde disque naceu Xesús, Belén. Belén significa "casa de pan". Belén todo o ano, casa de pan: a proporción áurea.

A muller de Pitágoras e nós
Comentarios