lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

As bicicletas non son para as beirarrúas

LUISITO, O adolescente da obra teatral de Fernando Fernán Gómez, que protagoniza Gabino Diego na versión cinematográfica dirixida por Jaime Chávarri , argumenta a favor de que lle merquen a bicicleta que non mereceu por mor dun suspenso : "Las bicicletas son para el verano".

Lembro esta película, ben ilustrativa dos males que trae consigo unha guerra civil: ninguén gaña. Así llo explica o pai ao fillo no desenlace do filme: "No ha llegado la Paz, ha llegado la Victoria". Vitoria que, pagada de si mesma, ousa suplantar a aquela: "Veinticinco años de paz" e foron corenta da vitoria dun réxime que aínda respira.

Lémbroa –a película, digo– cada vez que escapo do atropelo dunha bicicleta disposta a serpear entre a xente, a esquecer que na súa 'gymkana' as persoas que imos pola beirarrúa somos os conos, mais non permanecemos inmóbiles e calquera variación na traxectoria pode dar nun final tráxico. Certamente, as bicicletas non son para as beirarrúas.

Vaia, a non ser que non teña maior importancia romperlle un óso da pelve a unha septuaxenaria que cruza un paso de peóns. Non hai moito que lle sucedeu a unha miña irmá en Granada. Acontece moi a miúdo porque as bicicletas proliferan e, cunha poboación envellecida, o máis normal é que sexan maioría as persoas que, ou non se decatan do perigo que se lles achega, ou non están en condicións de fuxir del coa celeridade que cómpre.

Porén, a lei é clara e alguén terá que facer que se cumpra. As bicicletas, como vehículos que son, non poden circular polo espazo dos peóns. Farano polo carril bici se o houber e, se non, pola calzada. No caso único de que na beirarrúa estivese delimitado un itinerario para ciclistas, a circulación por el sería conforme á norma.

Aos diversos ciclos (tamén puiden ver como un neno pequeno co seu triciclo era o causante da rotura dun brazo dunha señora), veñen agora a sumarse patinetes e outros aparellos que, máis que correr, voan, sementando o pánico de gran parte da xente de a pé. Supoño que aínda están no limbo da lei, mais haberá algún artigo xeral que prohiba poñer en perigo a integridade de quen camiña pola vía pública.

Medrei, como a maioría dos nenos e nenas de Recatelo, pedaleando polo parque e arredores. Aprendera no Val do Mao, nunha Orbea con barra máis alta ca min. Considero que este modo de locomoción ten que ir a máis porque non contamina e porque é un bo xeito de facer exercicio. Porén, hai que buscarlle o seu espazo, dotar as cidades de moitos máis quilómetros de carril bicicleta, facela compatíbel cos viandantes. Despois diso, as bicicletas serán para todas as estacións e para a paz.

As bicicletas non son para as beirarrúas
Comentarios