jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Cal é a cor da miña roupa?

HAI DOUS días cumpriuse un lustro do derrubamento do edificio Rana Praza en Daca, capital de Bangladesh. Tiña oito pisos, aloxaba catro fábricas téxtiles, tendas e un banco na planta baixa. Achegáronse a 1.130 as persoas falecidas e a 2.500 as feridas de diversa gravidade.

A catástrofe púidose evitar porque, o día anterior, o cansazo dos materiais anunciouse con grandes fendas nas paredes. Temerosas do que pouco despois aconteceu -máis da metade eran mulleres, traballadoras nas empresas de confección-, quixeron negarse a entrar. Disque as obrigaron, mesmo con violencia física, porque se esgotaba o prazo pactado para a entrega das prendas rematadas ás máis coñecidas marcas do prêt- à-porter mundial.

O dos prazos de entrega tamén cobra aquí as súas vítimas, como me teñen relatado traballadoras galegas deste sector. Seica non é raro que, atravesado un dedo pola agulla da máquina de coser, sigan na tarefa como se nada tivese acontecido, porque non se contempla a posibilidade de que abandonen o posto nun momento así.

Bangladesh é un país de pobres, mais non é un país pobre malia que ocupe, xunto con Haití, o primeiro posto no triste ranking da miseria. Como acontece en moitos territorios máis, a riqueza está en mans dunha minoría. Os mal mantidos traballadores do rural ven pasar polas súas mans os alimentos que se exportan a outros lugares. É esta situación a que os leva a traballar en condicións infrahumanas nas fábricas das cidades.

A oligarquía gobernante -á que pertence o dono do Rana Praza-, preocúpase de que non cambien as cousas, ao ser ela a principal beneficiaria. As protestas da xente reprímense sen compaixón.

O derradeiro Estado do mundo que aboliu a escravitude foi Mauritania en 1981. Porén, a escravitude, en maior ou menor grado, existe en todas partes. Non hai máis que reparar no trato que lles dan algúns por aquí a inmigrantes indefensos. E, o que é mais duro quizais, outros tipos de explotación exercida polos seus propios compatriotas (proxenetas ou organizadores de grupos de mendicantes, por exemplo).

Marcas indirectamente implicadas no suceso de Bangladesh -non todas- asinaron un acordo para a prevención de accidentes, o que mellorou algo as condicións dos traballadores. Aínda así, pregúntome con frecuencia de que cor é a roupa que visto. Estará tinguida co vermello daquel sangue? Poderei taparlle con colonia o cheiro da suor mal paga? Roubaría infancias, coma o coltán que sae do Congo para móbiles e aparellos semellantes? Enfermaría alguén de silicose por lle dar o aspecto de gastados aos meus vaqueiros?

Iso non sae nas etiquetas.

Cal é a cor da miña roupa?
Comentarios