lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Días de ira

O INCONSCIENTE colectivo universal debe andar moi danado. Por se alguén non o recorda, a expresión de inconsciente colectivo universal foi acuñada por Carl Jung no século XIX. Segundo este psiquiatra suízo que abandonou a psicanálise e fundou a psicoloxía analítica, é algo que está alén da consciencia e que é común a todos os seres humanos.

Así como o inconsciente individual, feito de experiencias esquecidas, inflúe nas nosas accións e situacións, o inconsciente universal, se é que existe -semella que si-, tamén opera en nós como unha memoria milenaria herdada. Isto explicaría o nacemento simultáneo de correntes artísticas ou de inventos determinados sen estaren intercomunicados os seus autores ou autoras. Marcos Ricardo Barnatán, escritor e crítico literario, expresaba en 1969 nun prólogo a unha antoloxía da Beat Generation a súa estrañeza por certas concomitancias da poesía de Carlos Oroza coa destes estadounidenses, cando por aquí aínda eran descoñecidos. 

Desculpen que eu utilice este concepto, se cadra dun xeito oportunista, para me referir a un fenómeno  presente en case todos os ámbitos sociais ao longo e ancho do mundo, en todas as épocas da historia e aínda antes: a violencia.

A violencia, especialmente exacerbada nos tempos que corren. Ben se sabe que é algo inherente á especie humana cando non lle pon couto aos seus malos instintos. Non por casualidade, o mito bíblico que explica as nosas orixes, iníciase, despois de Adán e mais Eva, co asasinato de Abel por parte do seu irmán Caín. Mais pensabamos que a chamada civilización, cos avances das ciencias e a tecnoloxía, iría parella coa ética e os valores humanos e, certamente, non sempre é así.

Deixando á parte os moitos conflitos bélicos vivos e operantes no planeta, a violencia adquire nomes e xeitos a cadora: violencia machista, violencia no fútbol, violencia nas aulas, violencia na economía que se alimenta de cadáveres... Ningunha ten perdón, ningunha se xustifica, porén é ben triste que os homes e mulleres elixidos democraticamente co propósito de mellorar a sociedade se dediquen sen pudor a sementar discordia. É lóxico e produtivo que disintan, mais é lamentábel que, no canto de poñeren a vista no ben común, de axudaren a que tire a cheminea do país, a atoen para que o fume invada a casa e todo resulte confuso.

Días de ira os que preceden a calquera consulta nas urnas. os programas non importan, o benestar do pobo, menos. Importa a frecha directa ao corazón da honradez e competencia dos rivais políticos.

Nesa bagaxe que constituiría o inconsciente colectivo, ten que haber, hai, mansedume e honradez. debéramos buscalas e revitalizalas.
 

Días de ira
Comentarios