martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

Do encoro ao coro

FORAN SESENTA e un anos coa espada de Damocles pendurada dunha finísima crina de cabalo a ameazar o futuro da vila. Se o personaxe lendario, o amentado Damocles, renunciou á ambición de vivir coma un rei ao vela sobre a cabeza, o pobo de Navia loitou activa ou pasivamente contra a inxustiza dun desterro obrigado.

Houbo quen marchou antes de se ver expulsado. A emigración sumouse á emigración, ese mal endémico da Galiza. Houbo quen resistiu, a agardar o cumprimento do mal fado ou o milagre de que todo non fose máis que un mal soño. Mentres, a vila aletargada semellaba non respirar, rota polos días e a desesperanza. Houbo quen alzou a voz até espertar a quen durmía.

No 2012, un informe negativo ao estudo de impacto medioambiental, chegou como un indulto definitivo. Remataba así o pesadelo iniciado en 1951 coa autorización dun encoro nas terras de Navia de Suarna. Un encoro cuxo proxecto medrara en 1956 para ser o Gran Suarna e en 1975 para ter aínda maior profundidade. Comezaran as obras en 1964, mais a oposición veciñal paralizáraas. Este sería o resumo sucinto do que aconteceu.

O escritor e mestre Toño Núñez (Xosé Antón Álvarez Núñez), autor de numerosas obras de literatura infantil, así como de poemarios e outras narrativas, naceu naquelas terras oito anos máis tarde que o proxecto inicial. O seu tempo vivido até agora transcorreu, xa que logo, baixo a ameaza de ter que ver como asolagaban o seu paraíso de luces e de sombras, que á fin iso é a nenez e tamén a mocidade.

E Toño, que sabe soñar e é asemade un home de acción, deseñou un encoro poético, unha presa feita de palabras e música. Un coro, polo tanto, polo que ten de danza en corro, de alegría redon da, de irmandade entre os poetas, as poetas e a xente. O Concello apoiou a iniciativa. Foi o pasado domingo día 11. A vila estaba en feira e a animación era moita. A beleza mancaba desde os catro puntos cardinais, do río de augas claras até os montes que circundan o val, frondosos e ateigados de misterio. Desde a vella ponte até o castelo vedraño. A pousar nas casas anovadas e a suxerir novelas góticas nas ruínas.

Fomos moitas as persoas que mostramos a nosa música ou a nosa poesía nas rúas e máis sobre un tractor devido escenario. Imposíbel dicir tantos nomes. O encoro ficou feito coro e o coro encoro para a memoria e a beleza do pobo que resistiu. Facendo contas, cómpren seis décadas máis de encoro poético para equilibrar a balanza dos sesenta e un daquela ameaza que, por desventura, borrou tantos outros lugares do mapa.

E cómpre, tamén, deter o deterioro do castelo, ese mastro ergueito no corazón da deusa das augas e os ciclos das colleitas: Navia.

Do encoro ao coro