Opinión

Empáticos e fanáticos

"MENTRES AS persoas non fanáticas teñen ideas, os fanáticos teñen crenzas". Esta cita e da autoría de Enrique Echeburúa, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade do País Vasco.

Os non fanáticos adoitan ser cualificados de tolerantes, adxectivo do que non gusto porque, se dicimos que toleramos, semella que aturamos, soportamos, ou mesmo lle perdoamos a vida a quen pense ou actúe distinto de nós.

Pola contra, o cualificativo de empático ou empática, define as persoas capaces de se poñer no lugar das outras e compartir os seus sentimentos.

Os fanáticos do fútbol cren que o seu equipo é o mellor e non son quen de entender que os seguidores do equipo rival, a miúdo fanáticos tamén, pensen outro tanto do propio club.

Os fanáticos dalgunha relixión pretenden impoñer o seu credo e mesmo matan e se matan por el. Outrora, a Inquisición queimaba na fogueira aos que tiña por herexes. Na actualidade non falta quen descualifique as persoas que buscan camiños máis acordes co Evanxeo.

Os fanáticos políticos non se diferencian dos anteriores. Abonda con seguir certos debates, quer televisivos, quer parlamentarios, para constatar que ás ideas se lles pode dar a volta como aos calcetíns cando se ten a firme crenza de que, o que verdadeiramente importa, é o beneficio do partido e, por ende, o propio.

O difícil para as persoas empáticas é selo coas persoas fanáticas. Difícil porque falan linguas moi diferentes. Pórse no lugar de quen non pode comunicar ideas, senón as "súas" certezas, é como camiñar pola corda frouxa con vertixe.

Aquel xuíz ou aqueloutro profesor universitario que declararon posíbel que unha rapaza puidera gozar con cinco garañóns desbocados, son fanáticos machistas e argumentan desde esa rancio mentalidade.

As mulleres comprometidas coa loita pola igualdade de dereitos (é de lei, por se alguén o esqueceu) teñen que escoitar como as chaman feminazis, machorras, e si, tamén fanáticas.

Os e as feministas non teñen falta de empatía e comprenden. E, como comprenden, póñense no lugar deles e pensan: Meus pobres, non se decatan de nada. Non é que non evolucionasen até humanizarse, senón que aínda están no proceso de hominización: simios, xa que logo.

Simios cuxa pura animalidade causa danos irreparábeis, mesmo a morte, como podemos comprobar un día si e outro tamén.

Por unha vez cómpre un certo fanatismo: crermos firmemente na igualdade, aínda antes de comprendela. Aprendela. Dito doutro xeito, partir da crenza de que iso é o xusto e democrático para buscar, a seguir, ese camiño que nos faga máis felices a homes e mulleres. Para que algúns varóns non sexan potencialmente mortíferos.

Comentarios