jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

En clave de sol

COMO ESTAMOS até as orellas da batalla de currículos, da lupa sobre os doutoramentos, mestrados e demais titulacións, voulles contar unha anécdota que pode resultar ilustrativa para o caso:

Un curmán de miña nai, que exerceu como avogado en Lugo, foi moi tunante na súa mocidade. Seica un día regresaba a casa cantando cos compañeiros de troula cando os abordou o sereno a ameazalos cunha inminente denuncia na comisaría por turbaren o descanso da veciñanza. Cando recoñeceu ao meu parente, ora polo afecto que lle tiña, ora polo argumento que este esgrimiu, o home saudounos agasalleiro a todos e díxolles que o seguisen a pasar ben. "Non estamos a delinquir —dixéralle—, porque o que está prohibido é cantar en clave de sol pola noite e nós cantamos en clave de fa".

Fica a dúbida de se o vixiante nocturno se sentiu impresionado por palabras que non comprendía, se lle atopou lóxica a que ao día lle correspondese a clave de sol e á noite a de fa, ou se o seu afecto era maior que a súa imparcialidade.

Certos políticos e comunicadores xogan coa ignorancia de moita xente, en xeral, e do funcionamento académico, en particular. Mais, sobre todo, non quitan nin poñen rei, pero axudan ao seu señor, como fixera —disque— o mercenario Bertrand Du Guesclin na loita entre Henrique II de Trastámara e Pedro I.

Calquera pode entender que a obtención dun mestrado sen cursar as materias correspondentes, é delito . Como o é incluír no currículo méritos e titulacións inventados. Porén, as teses de doutoramento seguen uns protocolos que cómpre coñecer. A ignorancia deles é terreo abonado para que os manipuladores e xentes sen escrúpulos sementen a dúbida.

Non sei se a tese de Pedro Sánchez fai algunha achega de interese ao tema do que se ocupa, ou se é unha tese mediocre como moitas das que, malia todo, obteñen o "cum laude". Aínda así, atendendo aos argumentos dos que a descualifican, na tese non semella haber trampa.

Que o tribunal estivese constituído por xente próxima á directora da investigación, non atenta contra ningunha norma e, ademais, é bastante frecuente. Que o doutorando tivese asinado un traballo conxuntamente con outro membro do xurado, tampouco é ilegal. A inexperiencia neste tipo de tribunais non invalida os resultados. Tendo en conta que existe unha Comisión do Terceiro Ciclo en cada facultade, que lle dá para atrás ás teses que non cumpren todos os requisitos, non hai moito máis que dicir.

Plaxio? É lóxico que haxa coincidencias nunha materia nun mesmo momento histórico, cunhas fontes semellantes, etc. Calumniemos, que algo queda. A verdade é o que menos lles importa. Seguirán cantando en clave de fa(bulacións).

En clave de sol
Comentarios