Sábado. 26.05.2018 |
El tiempo
Sábado. 26.05.2018
El tiempo

Homes que non saben amar

CANDO MARISOL xa non era Marisol, senón Pepa Flores, sacou un LP titulado Galería de perpetuas (1979), sen dúbida o seu disco máis reivindicativo. As protagonistas das cancións son a maioría mulleres marcadas. As diversas causas dos estigmas resúmense nunha: non seren homes.

Cantaba, a que fora nena prodixio, con voz rotunda e mesmo áspera, as letras que escribira Pedro Cobos. Este home, nado en 1928 e falecido sesenta anos máis tarde, soubo poñer o dedo en moitas das feridas inflixidas polo machismo omnipresente.

A vaga de violacións das que temos noticia estes días, faime recordar un daqueles temas, o titulado La siesta. Nel, a vítima, repite como nunha ladaíña, "por la fuerza" entre os versos descritivos da situación e do xeito de actuar o predador ao que cualifica de touro mihura. Relata, a que semella traballar nunha venta do camiño, non terse sentido nunca albo das apetencias dos homes "por ser paticorta y fea". Ela, que se autodefine como "desecho de tienta", baixa aínda máis na autoestima ao asumir que é "una esquina cualquiera en la que tiene derecho a orinarse el que lo quiera", neste caso a besta que se detén alí a descansar nas horas de calor.

Hai homes que evolucionaron desde os tempos das cavernas, cando simplemente buscaban unha femia indeterminada entre as hordas de homínidos para, seguindo un instinto inexorábel, perpetuar a especie mesmo sen sabelo.

E hai homes que non progresaron, que seguen detidos naquela etapa da evolución. Poden ser ilustrados, poderosos sen problema para conseguiren relacións de calidade, ou pobres parias. Tanto ten. A razón é que non saben amar, soamente saben cazar. Ficaron aló, na pulsión que suplanta o "eu" que nos humaniza, onde o "ti" tampouco existe porque a outra é só unha cousa.

Non é preciso que cite o nome dun escritor xa falecido, por certo premio Cervantes, que publicou no semanal de El País: "La hembra violada parece que tiene otro sabor, como la liebre de monte". Tampouco terei que recordar o político francés que semellaba chamado a ocupar o palacio do Elíseo, mais o seu costume de forzar mulleres lle esboroou tal futuro.

Estremece especialmente que moitas destas barbaridades sexan perpetradas en grupo. O nome de Manada, os militares que miañaban tal felinos e outros moitos casos semellantes, son boa mostra de que estes elementos se identifican con animais e así actúan.

Murador é o gato que caza moitos ratos e, non por casualidade, tamén se lle aplica o mesmo adxectivo aos homes que sempre andan ao axexo de relacións esporádicas e forzadas. Non aman ás mulleres, mais ben padecen unha grave doenza chamada misoxinia.

Homes que non saben amar
Comentarios