domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Mensaxes como frechas

Debe saber o arqueiro ou arqueira que se Guillerme Tell, o lendario heroe da independencia suíza, salvou a vida por ter dado no albo dunha mazá verde, situada sobre a cabeza do fillo e a cen pasos de distancia, foi porque, ademais de coñecer a arma que manexaba, tiña en conta a deriva producida polo vento na frecha ou seta.

Non lles sobraría coñecer esta práctica deportiva a todas e todos os que se dedican á cousa pública. E, se xa a coñecen, tomala como punto de partida para unha reflexión.

Lembremos que en cada acto comunicativo hai tres elementos que non poden faltar: emisor, mensaxe e receptor. O arqueiro sería o emisor, a frecha a mensaxe e a diana ou albo o receptor. Porén, a mensaxe, ademais da pericia de quen a emite, precisa dunha canle para salvar a distancia que a separa do destinatario. A seta vai polo ar e o ar pode moverse, devir en vento e modificar a traxectoria.

É imposíbel non ver nas palabras de certos políticos a súa xenofobia, racismo, machismo, aporofobia, homofobia, belixerancia, prepotencia, negacionismo do cambio climático, coa conseguinte pasividade de cara a el, e outras lindezas máis. Con todo, imaxinemos que non, que son pura demagoxia e que, no seu caso, a boca non fala da abundancia do corazón. Aínda así son culpábeis e perigosos arqueiros. O vento, que nestes casos é remuíño, desvía as súas mensaxes en todas as direccións e as setas crávanse no cerebro de moitas e moitos descerebrados (oh paradoxo!) que descargarán a súa frustración, rabia ou simple maldade practicando a violencia cos colectivos máis vulnerábeis e con quen pense diferente. E si, digan o que digan, chámase fascismo.

O dicionario da RAG define a palabra demagoxia como "política baseada en agradar ao pobo satisfacendo as súas aspiracións e intereses e fomentando as súas paixóns para manexalo mellor". Velaí a nai do año. Velaí tamén a explicación para a doutrina ou ideario aberrante que bastantes subscriben, malia a historia que todo o mundo debera coñecer do xeito máis obxectivo.

Cómpre chamarlles ás cousas polo seu nome, falar das frechas envelenadas, das mensaxes que, coma elas, teñen a punta untada de tósigo, esa pezoña letal que empregaban as tribos indíxenas de todo o mundo para cazar ou asasinar.

É preciso non caer no pánico, non acreditar no caos que provocan para anunciárnolo. É necesario entregarse ao pensamento de que outro mundo é posíbel, por máis que soe a frase feita e pura utopía. O inimigo verdadeiro, non nos equivoquemos, non somos os uns nin os outros, o inimigo é canto impide unha vida digna a calquera tripulante da nave terra. Ese ha ser o albo da nosa frecha.

Mensaxes como frechas
Comentarios