viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Non direi o seu nome

NO QUE TOCA aos debates televisivos, as regras do xogo cambian a conveniencia de quen as elabora. Acreditar na neutralidade dalgúns é acreditar en paxariños preñados. Como na frase atribuída a Beltrán du Guesclin («Non quito nin poño rei, mais axudo ao meu señor»), cando na loita corpo a corpo de Pedro I de Castela con Henrique II de Trastámara, axudou a este dándolle a volta e colocándoo sobre o primeiro, tamén agora hai quen axuda ao seu señor.

Noutras ocasións, para ter dereito a participar nun evento así, era preciso partir dunha representación no Parlamento. Desta volta, fixáronse outros criterios que, baixo a capa de pluralidade, diluíron o debate nunha serie de quendas mínimas que fixeron imposíbel o desenvolvemento de calquera proposta. O de «todos contra un» estaba servido. Un argumento falaz ao que se lle podería dar a volta. Porén, mellor deixar a cousa así.

De calquera xeito, non se entende como se lle pode dar cancha a un partido apenas demócrata e, daquela, apenas legal. Non direi o seu nome porque non lle quero facer propaganda. Tampouco o do seu secretario xeral, un ignorante calumniador que tivo a desvergoña de nos vir insultar á nosa casa alcumando de racista, xenófobo e antiespañol a Castelao. Sucedeu en Xinzo de Limia e de certo que xa teñen coñecemento dos feitos.

Calquera persoa medianamente culta sabe ben que a nosa figura máis universal, xunto con Rosalía de Castro, de racista non tiña nada. Abonda con ler o relato titulado "O negro Panchito", do seu libro "Cousas", para argumentar todo o contrario. Aquel inmigrante chegado de Cuba é, para o autor, tan galego coma o que máis. Tampouco se referiu o rianxeiro nunca a unha suposta superioridade da nosa raza, como acontecía con certos nacionalismos decimonónicos. E claro que non era españolista coma o señor que non nomeo.

Toda a obra de Castelao respira humanidade e empatía co ser humano. Non falta quen cualifique de machistas as súas creacións. Ave María! Cómpre ser ignorantes para aplicarlle a un home nado en 1886 e falecido en 1950 os postulados da crítica feminista. Malia todo, resiste calquera análise verbo da igualdade e presenza das mulleres no seu universo político e literario.

O home do que non digo o nome mesturou Castelao con Feijoo (léase Feixó). Fíxolle un grande favor a este último. Segundo el, o presidente en funcións é nacionalista. Será polo de «Galicia, Galicia, Galicia», o lema da campaña e o seu repetido mantra nos últimos tempos. Quizais lle conviñese recordar aqueles versos de Manuel María: «Galiza somos nós/a terra e mais a fala». Si, señor presidente da Xunta, sen fala non hai Galiza nin Galicia.

Non direi o seu nome
Comentarios