Opinión

É ou non é hoxe o día?

A UNESCO, en 1975, estabeleceu o 1 de outubro como Día Internacional da Música. Foi idea do grande violinista e director de orquestra Yehudi Menuhin. Con esta iniciativa preténdese, ademais doutras cousas, fomentar todos os tipos de música e, mediante ela, a amizade e a paz entre os diversos pobos; alentar os intercambios de experiencias e apreciar a diversidade.

Porén, descoñezo se nos toca a nós a celebración do día de hoxe, xa que aquí se festexa o 22 de novembro o Día Mundial da Música. Unha mala interpretación das Actas de Santa Cecilia converteron o que era instrumento de tortura nun órgano. A interpretación literal da linguaxe metafórica fixo que «un canto do corazón» fose entendido como unha interpretación musical . A iconografía ampliou o erro. Así, a mártir do século II ou III, de incerta biografía e da que non se sabe se cantaba ou tanxía algún instrumento, deveu patroa dos músicos cando Gregorio XIII, en 1594, lle outorgou o tal título. Outros países máis liberados do pouso relixioso, como é o caso de Francia, elixiron o solsticio de verán, 21 de xuño, para honrar a máis universal das artes. Todos os días son bos para gozar cun obxecto diamantino.

Sobre as bondades da música tense escrito moito. Abondaría cos refráns populares: "Quen canta, o seu mal espanta". "Músicas e flores chaman amores". Desde a música folclórica, pasando pola popular con todos os seus xéneros, até a clásica, o abano é amplo e rara é a persoa que non ten na memoria os temas da súa vida.

Hoxe cumpriría 73 anos Andrés do Barro. Malia a súa triste e prematura fin; a pesar do desvío da traxectoria inicial, marcou un fito importante na música galega. O tren, San Antón, Corpiño xeitoso, entre outras, viñeron demostrar, no comezo da década de 70, que se podía producir música moderna na nosa lingua e, ademais, ocupar o número 1 a nivel español. Talvez alguén algún día recorde as súas cancións, mais non o nome de quen as compuxo, o máis ao que se pode aspirar.

Porque as melodías pérdense no vento, mais non no tempo. O primeiro espállaas como o pole para que fecunden músicas novas. O segundo pásaas pola súa criba para que só as boas perduren.

Persoalmente, mesmo na música clásica, gusto das composicións de raíz folclórica, afortunadamente boa parte dela. Poño as cancións populares á altura da chamada música culta. Coido que toda o é e que en todas ecoan en maior ou menor medida, sons do pobo e da natureza.

Nestes tempos, é de proveito recordar con Cervantes que a música recompón os ánimos e, con Nietzsche, que sen música a vida sería un erro.

Comentarios