Opinión

Nova sanidade (e 3)

 

SE PARTIMOS da hipótese de que a sanidade pública de que desfrutamos é sen ningunha dúbida a mellor do mundo do que formamos parte: é dicer, se comparamos níveis semellantes de pib / per capita e cunha esperanza de vida equivalente, o resultado é claramente favorábel ao aquí existente. O que si segue sendo posíbel é mellorar o sistema, para que, facendo uso da racionalidade adecuada en xestión deses servizos, esteamos en condicións de garantir pervivencia e alta calidade. Así, por exemplo, a racionalidade mínima de adecuación do servizo sanitario ás necesidades dos actuais galegos non pensamos que pase por colocar pediatras como quen expande unha semente. Aumentar o número de pediatras non vai facilitar os nacementos de novos infantes nen mellorar a saúde dos existentes. 

Seguramente é máis económico e racional facilitar o servizo de exame, diagnóstico ou mesmo atención hospitalaria aos nenos existentes movéndoos en taxi que dotar prazas fixas de pediatras en lugares cunha poboación infantil moi reducida, mesmo en decaída. Non debemos deixar de citar que os cambios de hábitos nos usuarios actuais dos servizos sanitarios, afeitos a ter de todo a prezo cero, ten como expresión de novo servizo o do pediatra para revisar o neno como se fose un turismo: ao noso entender, o pediatra é (ou era) o médico dos nenos enfermos, e o puericultor é o asesor de pautas de crianza de nenos para que non enfermen. 

Coa mesma racionalidade de pediatra por centro precisariamos un xinecólogo por centro (na poboación total hai máis mulleres que nenos), un oculista por centro, un traumatólogo, un psiquiatra…e así até todo o que se lle ocorra ao peticionario de turno. Postos a botar en falta, ao pior fan falla na Galiza moitos máis xerontólogos e xeriatras que pediatras, pero non estamos en condicións -nen nos propoñemos- deseñar unha relación de persoal sanitario alternativo. Si estamos en condicións de seguir aportando novas miradas sobre a composición da oferta de servizos, vinculándoa precisamente ás características actuais de idade, saúde, e melloras sociais consolidadas. 

Así, por exemplo, e só a simple vista, non é habitual observar unha boca sen dentes, aínda que as reparacións sexan privadas e ben caras. A saúde bucodental podería ser no futuro inmediato un servizo a subministrar pola sanidade pública aínda que se considerase a existencia de certas prestacións suxeitas a copagamento. Parece ser que existe un acordo xeral en ciencia médica da importancia da saúde bucodental como garantía da saúde en xeral e como prevención de graves enfermidades manifestadas nunha boca que é para algo máis que para colocar aparatos de mellora estética. Mesmo son escandalosos os últimos casos de peches en forma sorpresiva de clínicas dentais que polo que se ve non reunían todas as condicións precisas de negocio seguro: vendían ‘financiación’ a un ritmo superior ao dos empastes e as endodoncias… e así resultaron: auténticos fiascos desde o ponto de vista médico e fraudes desde a perspectiva económica. A vixilancia pública parece que neste casos gozou dun grado de ausencia moi importante.

Comentarios