Opinión

O meu país

Non moi afastados, na Mariña de Lugo, están o Espazo Caritel e o Eido Dourado, dous pequenos paraísos que abren asemade a porta ao mundo da natureza e a arte

UNHA DAS cancións máis emblemáticas en lingua galega leva o título deste artigo. Trátase dun poema de Xoán Manuel Casado, nado e falecido en Barcelona (1949-2002), avogado e escritor, fillo do tamén escritor Manuel Casado Nieto, galego de Castro Caldelas que desenvolveu a carreira xudicial na capital catalá. Na voz de Miro Casavella, con música da súa autoría, chegounos e séguenos a chegar un texto conmovedor, verdadeira radiografía daquela Galiza que latexaba no poeta da diáspora.

Quereriamos que xa non valese para cantar as mágoas da nosa terra, que esta non puidese seguir a ser metaforizada como unha folla no vento, que non se definise como un recuncho no tempo que dorme nugallán, que, en fin, non tivésemos que casar o alento co desalento. Con todo, cambiando o que haxa que cambiar, a letra como a música e a voz fermosa do que foi membro de Voces Ceibes teñen plena vixencia.

Quen de verdade sinta este país verao coma unha folla no vento, movido por forzas que dificilmente pode controlar. Forzas centrífugas que tiran da xente nova cara a lugares de promisión e forzas centrípetas que, é lei de vida, turran dunha poboación envellecida cara á terra. País, polo tanto, a se despoboar de si mesmo, camiño de non ser.

Un recuncho no tempo que dorme nugallán? Si, como un can vello ao que non lle quedan forzas para correr e se resigna a deixar que pasen os días sobre a súa galbana.

Con todo, en Galiza móvense moitas forzas e persoas, créase moita beleza, a mellor plusvalía porque non esboroa os recursos naturais nin o patrimonio artístico, senón que, pola contra, os fai medrar.

O noso mal fado non é a falta de imaxinación. O noso mal fado é o descoñecemento do que por aquí se promove e produce, a falta de apoio publicitario para dalo a coñecer, o desprezo do que non está alén de Pedrafita.

Non moi afastados, na Mariña de Lugo (San Martiño de Mondoñedo-Foz, próximo á basílica do mesmo nome, e Praia das Pasadas –San Miguel de Reinante), están o Espazo Caritel e o Eido Dourado, dous pequenos paraísos que abren asemade a porta ao mundo da natureza e a arte.

No Espazo Caritel, cabo do seu museo, creou o escultor Caxigueiro un xardín único, á beira dun pequeno río de augas limpas. Especies arbóreas de todo o mundo, cen variedades de camelias, cincuenta de hortensias, mil e unha plantas das que, ou non sentíramos falar, ou non coñeciamos.

O pintor e escultor Celso Dourado, co seu eido e a súa obra, propúxose facernos pensar e abofé que o consegue. Un contorno axardinado enmarca a casa–museo que el mesmo construíu.

Dous homes e un destino, o de facer máis habitábel o mundo. Non deixen de visitalos, cónteno: agradeceranlles a descuberta.

Comentarios