Opinión

O 'tente, masa' de Trump

HERDO DOS meus proxenitores o amor ás árbores. Ambos tiñan o afán de plantalas, aínda que na maioría das ocasións non o facían directamente, senón que llo encargaban a alguén máis avezado nestes labores. O que si lembro con claridade é ao meu pai enxertando maceiras. Eran as súas preferidas entre as froiteiras pola súa capacidade de resistir meses sen podrecer. Ás de oso cualificábaas de froita dun día.

Non estraña que, mentres eran novos, tivesen a teima de repoboar. Papá morreu con 59 anos, mais a nosa nai, pasados os noventa, seguía coa mesma ilusión, como se fose catar as novas mazás ou atizar a cheminea coa leña dos carballos. Porén, ter ilusión non presupón ser ilusa e, desde logo, ela non o era. Sabía que plantaba para un futuro no que non estaría. Mais tamén sabía que outros, centos de anos atrás, fixeran o mesmo preparándolle a sombra magnífica da carballeira que a acollía nos veráns do Val do Mao.

Pensei nestas cousas reflexionando sobre a actitude de Trump verbo do primeiro acordo da Conferencia de París (2015) sobre o clima. É vinculante e asinárono 195 países, entre eles o que preside o devandito señor, un bruto, fóra a alma, se o suavizamos cun eufemismo noso. Isto, o de bruto, non precisa argumentación. Xa se encargou el de facérnolo evidente. Mesmo parte dos seus correlixionarios republicanos andan bastante temerosos polas súas arroutadas. Eles e mais os demócratas abriron o debate no Senado para limitarlle o poder sobre o botón nuclear. Como non o fixeran aínda? Certamente, ese home é un perigo. Deberían existir probas psicolóxicas para un cargo así.

Sospeito que, ao revés das persoas que actúan vendo máis lonxe do seu nariz, por exemplo as que plantan árbores, este espécime que demostra a regresión da evolución humana (con permiso de Darwin), non ten outras miras que os anos do seu mandato. Pensará que se as industrias poden contaminar a cano libre e se non se inviste en políticas ecoloxistas, necesariamente medrará a economía. E, se cadra si, aínda que o dubido. Pero en progresión xeométrica tamén minguará o futuro.

Hai un refrán galego que cadra moi ben neste caso. Refírese aos chambóns de todos os oficios, aínda que se personifiquen nun: "Tente, masa, mentres o canteiro pasa". Aguanta, Terra, que Trump non ha ter unha segunda oportunidade como gobernante e, como para el o único de valor é o ouro ou mesmo o ouropel, quere ser o Rei Midas malia que todo o que toque se volva inerte. Agardo que, neste caso, tamén tome cartas no asunto o Congreso do seu país. Con todo, non nos debemos escudar tras a irresponsabilidade dun ignorante: nós tamén contaminamos.

Comentarios