jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

Orgullo machista

A moitos homes de prestixio pillounos o tren do dereito das mulleres a elixir o cando, o como, o onde e o con quen. No fondo do seu ser máis íntimo, seguro que aínda atopan unha fenda para deixar pasar a autoxustificación e a autocompaixón. Ser un depredador sexual, sen acudir á forza física, valéndose soamente da propia influencia, da posición nalgún campo artístico ou profesional, do poder, en definitiva, non lles parece abuso. Precisan que lles chegue de fóra o desprezo, a censura e a forza da lei, para mostrar arrepentimento. Sen dúbida o teñen; mais é probábel que, na maioría dos casos, se deba ás consecuencias dos seus actos na propia vida, non na das súas vítimas.

Sucede que rara vez se avergoñan porque, estes homes que non chegan a persoas, saben que teñen abondosos admiradores entre os seus conxéneres. É diante deles onde queren exhibir as súas fazañas. En parte, responden ao que Gregorio Marañón argumenta no seu ‘Don Juan’. E se digo en parte, é pola carga homófoba que se filtra no discurso do médico e pensador.

Sei dun empresario que, nunha entrevista, rexeitou para o posto de administrativa a unha magnífica traballadora porque era baixa e gordecha. Nas previsións do home non entraba ter un asunto con ela, mais quería unha femia escultural (sic) para que os seus amigos o envexasen pensando que dispoñía de secretaria para todo. Así de cretinos poden ser algúns varóns.

Dicir que o machismo segue vixente, resulta tan redundante como dicir que a cero graos vai frío: é unha evidencia. Mais, dentro das casas, cunha boa calefacción, non se percibe. Tampouco se perciben certos comportamentos incompatíbeis coa igualdade, cando os homes ‘colaboran’ en tarefas domésticas ou na crianza da prole. O machismo mudou as formas, mais está aí como certos insectos no seu reservorio. 
Non se entenda que me refiro a todos os varóns: coñézoos bastante achegados ao ideal feminista, esa práctica que os fai máis humanos e, daquela, máis homes. Tampouco aos que se propoñen deixar atrás un pensamento que, levado ao extremo, causa máis mortes no mundo que a peste.

Tamén coñezo mulleres imbuídas de ideoloxía patriarcal, cultivadoras do modelo que eles deseñaron. Quen teña dúbidas disto último, que dea unha volta por uns cantos programas televisivos aos que me teño referido en máis dunha ocasión. O seu éxito e permanencia é todo un síntoma.
Pensar que o feminismo consiste en reproducir cos homes os comportamentos inxustos que historicamente tiveron eles con nós, é non entender nada. A vida, o bo funcionamento do mundo, hanos pertencer por igual ou non haberá festa. 

Chegará o día en que o 8 de marzo non teña razón de ser?

Orgullo machista
Comentarios