jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Os ollos dos voitres

A OLLADA DO voitre non pasa polo corazón, senón que vai dereita ao instinto predador e, en non atopando animais mortos dabondo, ataca canto vive e respira se está ao seu alcance.

Antoine de Saint-Exupéry, no seu libro por antonomasia, O principiño, asegura que soamente co corazón se pode ver ben, que o esencial é invisíbel para os ollos.

Hai homes e mulleres con ollos de voitre. E, por fortuna, tamén hai persoas, seres humanos, humanos na máis nobre acepción do termo, cuxa mirada pasa sempre polo corazón e ve o esencial. Expresouno ben o poeta e dramaturgo alemán Friedrich Hebbel: "Os ollos son o punto onde se mesturan alma e corpo".

O corazón, como sabemos, é unha metáfora dos sentimentos, agora bastante desvalorizados e, en casos, arrombados no caixón do politicamente incorrecto.

Semellan ignorar os dos ollos de voitre que os atributos que nos fan humanos e humanas son o pensamento e a capacidade de sentir, ambos os dous ben maridados, como diría un gourmet. Claro que hai quen gusta de casar hamburguesas e Coca-Cola. É máis ianqui.

Todo o requilorio anterior vén a conto dos chamados fondos buitre que, como fantasmas do pasado, aínda seguen a perseguir e magoar a moitas persoas.

Os bancos, malia o flotador que lles lanzamos velis nolis, quixeramos ou non, entregaron a estes fondos as débedas de particulares que, por mor da crise, non atenderon en tempo e maneira as súas obrigas. Que eu saiba, ninguén lles consultou o cambio de titularidade do acredor.

Nese mesmo momento de escaseza de vivendas e desafiuzamentos crueis, sendo alcaldesa de Madrid Ana Botella, o concello da capital do reino vendeu a un fondo miles de vivendas sociais. A venda foi recorrida polo actual goberno do Estado. Ollos-de-voitre a alcaldesa e tamén un seu fillo, seica vinculado ao conglomerado de empresas que se cobre co paraugas de Blackstone. Disque Esperanza Aguirre, así mesmo ollos de voitre, xa viña de atrás enfouzándose nesta fariña, irmán por medio.

Son historias vellas cuxos rescaldos aínda brillan entre a cinsa e queiman a quen tivo a desdita de ser leña na pira que acenderon os ambiciosos, ollos de voitre, cínicos e inmorais, reis da hipocrisía.

E son historias de agora mesmo, porque se dá a circunstancia de que os dos ollos de voitre seguen aí e nunca resultan sospeitosos de nada. A sospeita vai con quen diga, mesmo non sendo comunista- cornos- de- demo, que a riqueza desorbitada sempre se asenta sobre a propia inxustiza ou polo herdo da inxustiza doutros, quen non negue a Marx e afirme que a fonte da plusvalía é o traballo mal pagado.

Os ollos de voitre, a peor das pestes.

Os ollos dos voitres
Comentarios