martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Outra vez, unha vez máis

MENTRES CERTOS políticos estudaban os seus movementos nun taboleiro de xadrez imposíbel, o de mover ao mesmo tempo e na mesma xogada a peza do ego, a do proveito do partido, a da ilusión do poder e a do suposto ben común, levedaba a carraxe machista do asasino.

Mentres as autonomeadas ‘Almas veganas’, no seu ‘Santuario animal’, separaban as galiñas do galo co irrisorio argumento de que non fosen violadas, a considerar que non lles gusta a unión co galo. E mentres escachaban os ovos para que os comesen as que os poñían, outro animal sen santuario enviaba mensaxes ameazadoras á máis odiada das súas vítimas.

Mentres unha pléiade de incendiarios non identificados prendían lume desde a terra e desde o ar, a converter o mundo nunha cacharela, os ollos do cruel matachín de mulleres acendíanse a remoer a vinganza.

Mentres persoas de ben expoñían a vida no mar, ora para fuxir da fame e da guerra, ora para rescatar ás que naufragaban, o criminal disparaba sobre a nai dos seus fillos, a avoa dos seus fillos e a tía dos seus fillos, diante das criaturiñas abraiadas.

Mentres moitos e moitas loitan por rescataren o mundo das gadoupas da contaminación e o cambio climático co desexo e a esperanza de que haxa un futuro, un desalmado privaba os fillos de nai, esa primeira fornecedora de camiños cara ao mañá.

Entre todas estas noticias que rememoro, a anunciar feitos graves unhas; teorías inxenuas e esforzos merecentes de mellor causa, outras; intervencións xenerosas, algunhas; emerxe a figura desprezábel dun energúmeno con figura de home. Máis unha vez, unha vez máis.

Este triple feminicidio cádranos cerca e, talvez por iso, fáisenos máis patente o cheiro do sangue. Porén, ese mesmo día, segundo as estatísticas da Onu, terían morto por terrorismo machista 137 mulleres no mundo. No momento en que escribo, outra en Madrid, acoitelada diante das fillas.

E aínda hai quen pide a derrogación da ‘Lei Orgánica Integral contra la Violencia de Género’! Son os que quererían volver aos manuais da Sección Feminina, aqueles que tentaban converter as mulleres nunha especie de escravas-‘gheisas’, sen autonomía, tempo propio ou opinión, verdadeiras servidoras, apéndices dos seus machos, a rescatalos, asemade, da tristeza e do aburrimento cos seus saberes ancestrais, completamente negadas a si mesmas. A esas matábanas menos porque eran as galiñas dos ovos de ouro.

Ante as novas eleccións, é tempo de reparar no programa de cada partido, de avaliar o seu compromiso coa erradicación das desigualdades fillas do machismo, prefacio a miúdo da maior das violencias, a das mortes que nos feren na dignidade a mulleres e a homes.

Outra vez, unha vez máis
Comentarios