domingo. 01.11.2020 |
El tiempo
domingo. 01.11.2020
El tiempo

Pim, pam, pum... fogo!

A verdade é que este artigo, escrito ao fío da noticia do chamado pin parental, había de titularse De quen son os fillos?; mais adiantáronseme , así que o cambio por outro que algo de pin ten, aínda que sexa facendo parte dunha onomatopea, a dun disparo, á súa vez dentro do nome dunha película. Despois de todo, o que esta xente pretende é levarnos en certos aspectos á sordidez da ditadura, na que se ambienta o filme de Pedro Olea, e para iso disparan —metaforicamente, claro— contra todo o que se move. E, por suposto, acabar co ensino público.

Aínda así, non podo deixar de me facer a pregunta e, como lles ensinaba aos meus alumnos á hora de estudarmos os posesivos, estes, referidos a persoas, non indican pertenza, senón relación. Non son, polo tanto, nin propiedade dos pais nin propiedade do Estado. O contrario sería escravitude, que así se chama a posesión de seres humanos. Porén, uns e outro teñen, verbo deles, obrigas e dereitos. Obrigas e dereitos que, por veces, cando algo falla, coliden como dous trens descontrolados.

Os pais son os primeiros que teñen que acudir ás necesidades físicas, afectivas e intelectuais da criatura que chamaron á vida. Se non o fan, o Estado ha poñer todos os medios para suplilos no posíbel. Mais, alén diso, tócalle velar por que se elaboren e cumpran os currículos, no marco da lei, dentro do sistema de valores que a nosa civilización e leis defenden.

O que esta xente pretende é levarnos en certos aspectos á sordidez da ditadura, E, por suposto, acabar co ensino público

Sábese que ninguén vai dar o que non ten. É evidente a insolidariedade, homofobia, xenofobia, machismo, etc. de certos grupos —non é preciso pórlles nome—. Sábese tamén que estas cousas son —ou poden ser— delitos. Por tanto, ningunha cidadá ou cidadán está no dereito de  defender e transmitir aos fillos ou alumnos tales prácticas. Daquela, é obriga do Estado transmitir os valores relacionados cos dereitos humanos.

A min tróuxome a cegoña. Os meus sobriños acariñaron a barriga das súas nais sabendo que alí estaba o irmanciño ou irmanciña que agardaban. Fun acaso eu máis inocente ca eles? Non, fun máis ignorante e, cando souben, pregunteime que había de escuro ou malo no asunto para que me mentiran.

"—¡Es mío!— le grito al Tiempo / y el Tiempo responde: —¡es mío!". Estes dous versos pertencen a un poema de José María Pemán, titulado Romance del Hijo. O escritor, de dereitas (partidario da ditadura de Primo de Rivera, monárquico e propagandista fervente do franquismo), tiña a resposta malia todo. 

O tempo é mestre, ás veces a paus e a fel. Máis vale que a rapazada esperte ao mundo cos pais, mestres e Estado a tirar solidariamente da mesma corda, a dos materiais para construír persoas. O demais virá rodado.

Pim, pam, pum... fogo!
Comentarios