viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Señora X, señor Z

VOSTEDES, SEÑOR Z e señora X, son a proba irrefutábel de que a Educación para a Cidadanía, que con tanto fervor deostan, non só é conveniente, senón que é imprescindíbel. Ben sei que non lles gusta porque consideran que pretende substituír a relixión e que, por iso, é cousa do demo. Seica adoutrina no laicismo e ensina cousas como a ideoloxía de xénero e outras nefastas e nefandas atrocidades. Nefastas porque causan desgraza e nefandas por inmorais e faltas de ética.

Estou a me poñer extrema, en extremo preocupada, polas xeracións que non poderán tirar proveito dos seus cargos para raspiñar, a xeito de quiñón, os cartos destinados ao servizo da comunidade. O maior problema é que xa non haberá xente de valía disposta a se inmolar na pira da política. Queimarse si, se for para se forrar.

Sei tamén que andan moi alporizados, disque, porque estes días non votaron presidente e, porén, hai un novo. Pois si que é mágoa que non cambiasen a Constitución. Con esta, endexamais poderemos facelo. Levo ben anos exercendo o meu dereito ao sufraxio e endexamais puiden votar outra cousa que deputados e deputadas nas eleccións xerais e autonómicas e concelleiros nas locais. Eles e elas, á súa vez, deciden quen ocupará a presidencia ou a alcaldía. Poñer en dúbida a súa lexitimidade non semella moi democrático.

Ah, esquecera que hai deputados de primeira e de segunda. Os votos dos de segunda están contaminados e non poder entrar no mesmo bote. Non se sabe aínda quen decretou que os dos nacionalistas están todos manchados de sangue. Pode ser que se filtrara algún proetarra entre eles; mais é seguro que tamén os hai franquistas acérrimos entre os que vostedes, señora X e señor Z, consideran patriotas de pura raza.

O que non entendo moi ben é como se pode ser patriota cinguíndose exclusivamente aos intereses do partido (os mesmos de España, din), decidindo que despois de vostedes veña o dioivo e todo vaia o peor posíbel.

X e Z non son todos os militantes ou votantes de dereitas. Sería inxusto afirmalo. Nestes incógnitos personaxes simbolizo aos da verdade única, a mala uva e a hipocrisía farisaica. Os mesmos que consideran lícito mercar apoios e, cando cambian as circunstancias, trócanos por trasacordos para se vingar. Daquela o patriotismo váiselles polos sumidoiros ás sentinas máis próximas.

Señora X, señor Z, temos a obriga de entendérmonos. A finca non lles pertence en exclusiva. A política naceu para ser outra cousa. Uns e outros, outras e unhas, temos que procurar o ar limpo e a auga clara. Secasí, en cousas fundamentais, xa se albisca máis do mesmo. Digan o que digan, non nos entenden, non.

Señora X, señor Z
Comentarios