sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Tempo de regresar

 

XA NA segunda metade de agosto, devalan o verán e as aldeas. O termo devalar, como saben, ten, entre outros, o significado de ir a menos, minguar. E si: da estación queda menos e as aldeas, por uns días algo máis habitadas, volven paulatinamente á súa soidade inconmensurábel.

Inconmensurábel porque talvez tivésemos que acudir ás medidas que o poeta Manuel María aconsellaba para a Terra Chá: "ferrados de corazón, fanegas de alma", imposíbeis de cuantificar.

Cada ano botan fume menos chemineas no inverno. Moita xente da que gardaba o lume aceso xa non está, nin estará, porque cruzou á outra banda do río. Algúns, ao non valerse en por si, conseguiron despois de moito batallar unha praza no xeriátrico. Daquela, os emigrantes regresan para visitalos no cemiterio ou na residencia e, de paso, manter o costume de volver á terriña. Mais, a casa xa non é a casa e, como reza a canción: "entonces pa que volver".

Pasaron máis de corenta anos desde que Fuxan os Ventos gañou o festival de música coa canción que lle deu nome ao grupo. Falaba destas cousas, pero tiña ese punto de esperanza que o cura Mato, o fundador, sempre lles quería imprimir ás cancións: "No fondo da alma /do noso pobo / latexa a forza/ dun mundo novo". Porén, a día de hoxe, ese mundo novo, se xurdiu, foi para peor e soamente se pode escribir a crónica dunha morte anunciada. Xa non se trata de non deixar morrer o campo, senón de resucitalo e, para iso, non se inventaron aínda os desfibriladores.

De calquera maneira, nun mundo precisado de recursos e de emprego, non nos podemos permitir o luxo de desbotar un sector que pode xerar riqueza sostíbel máis aló do que o fixo no pasado. Cómpren imaxinación e ganas de mellorar o país. Semella que escasean. Quen non as teña non debería gobernar porque nos condena a unha inercia destrutiva.

Gustaríame saber que entenden moitos e moitas por bo xestor ou boa xestora. Se se refiren a aforrar, a non gastar máis do que se ten como adoitan insistir, eses bos xestores son comparábeis a quen deixa arruinar a casa por non atallar as goteiras para aforrar.

Sospeito que un bo xestor é o que sabe optimizar e mobilizar os recursos, nomeadamente os humanos, para atopar solucións novas a problemas novos ou que veñen de vello e podreceron. Dito doutro xeito, poñer a pensar a especialistas de cada ramo.

Hai uns días coincidín cun grupiño de nonaxenarios no Monte de San Pedro da Coruña. Tomaban o sol, o único que non perderan na emigración venezolana. As terras de aquí, nunha aldea non tan remota, a monte. Ningunha renda por elas, só as contribucións enguedelladas no seu non-futuro. Para chorar.

Tempo de regresar
Comentarios