viernes. 18.10.2019 |
El tiempo
viernes. 18.10.2019
El tiempo

Terras de promisión

NADA HAI máis mutante neste mundo que as terras de promisión, eses lugares que ofrecen prosperidade e benestar. A que había destilar leite e mel, segundo a promesa bíblica a Moisés, é a Palestina árida que coñecemos. Seguramente o seu valor radica en seren metas e, como tales, alentar a marcha cara a elas.

Os nosos devanceiros procuráronas en Cuba, Arxentina, Uruguai, Venezuela ou Brasil, por citar só as máis emblemáticas alén mar. Agora a viaxe é á inversa e os motivos dos que chegan pouco difiren dos que os impulsaron a eles a unha viaxe transoceánica incerta.

Porén, é ben sabido que segue habendo viaxes non menos arriscadas: as das fráxiles embarcacións que están a converter o mar nun gran cemiterio ou as dos que, en caravanas, en pequenos grupos ou en solitario intentan cruzar a fronteira dos EE UU, esa que Trump quere amurallar por completo.

É lóxico que prefiran morrer no intento que sucumbir pola fame, a guerra ou a violencia. E é especialmente duro facelo sabendo que non os recibirán ben e que, no mellor dos casos, sempre serán –se chegan a selo– cidadáns de terceira.

O "American Dream" (soño americano) non vai ser para eles e para elas o da igualdade de oportunidades, dereitos civís, liberdade e democracia, como promete o país aos seus.

Porque os seus non son precisamente os desherdados. Por iso sempre me resultan sospeitosas as persoas que consideran a vida e cultura dos ianquis como as máis desexábeis. Seméllanseme aos nenos que admiran o matón da aula, ao que ninguén ousa molestar e a quen todos queren ter da súa parte.

Que hai de envexábel nun país de varios Estados coa pena de morte vixente e onde un xuízo con garantías adoita estar só ao alcance dos ricos?

Quen se apunta a non ter Seguridade Social e a pagar seguros privados carísimos? Porque os tratamentos soamente son para quen poida pagalos.

Quen se ocupa das persoas con problemas psiquiátricos graves, a miúdo secuelas das múltiples guerras ás que foron enviados para defender os intereses do Capital?

De verdade se sentirían seguros sabéndose rodeados de particulares armados, dispostos a usar as armas á primeira de cambio?

Son soamente algunhas das "virtudes" desa terra de promisión que, queiramos ou non, anda a nos marcar o paso. O país das liberdades que se queiman en aras dunha soa, a do becerro de ouro.

Hipócritas defensores da paz, a inmiscirse en gobernos alleos, mais sempre para o seu proveito.

Non, non se trata de apuntarse ao "antiamericanismo" que se atribúe ás esquerdas. Non digo nada novo, mais cómpre recordalo.

Oxalá que a terra de promisión sexa para nós esta na que estamos, habitada e consciente de si, sempre regresando.

Terras de promisión
Comentarios