martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Tres grandes e Carmiña

A DATA DE hoxe, 29 de marzo, une a tres compositores ben diferentes, mais todos notábeis: Carl Orff, John Lewis e Maurice Jarre. Seica a morte non escolle o momento, así que haberá que lle atribuír á casualidade a coincidencia do día e o mes dos seus decesos.

O alemán Carl Orff, falecido en 1982, ademais de idear un método de ensino de música para nenos, compuxo, entre outras obras, unha cantata escénica con poemas dos goliardos, aqueles artistas medievais, clérigos e estudantes vagabundos de vida disoluta, que mesturaban sátira, irreverencia e poesía, a percorreren Europa trocando a súa arte polo que precisaban para subsistir. A cantata é ben coñecida baixo o título de Cármina Burana e poño til -ben saben que en latín non se fai- para que non se lea como un hipocorístico do nome Carme, igual que Carmiña ou Carmela.

A quen se interesar polo tema, recoméndolle a lectura do libro de Luis Antonio de Villena Dados, amor y clérigos, que puiden ler en 1978 editado en Cupsa. Foi reeditado en 2010 por Renacimiento. Mercé a el souben que o frade, filósofo, teólogo e poeta Pedro Abelardo, o dos amores con Eloísa, era goliardo. A historia é verdadeiramente interesante, mais non me toca contala aquí.

A quen si quero recordar, porque ben merece que lle agradezamos a risa, é a aquel conselleiro de cultura ao que lle oín anunciar na programación musical da temporada a presenza dunha gran cantante chamada Carmiña. O home, agora en terras estranxeiras segundo as noticias que teño, negou sempre o asunto e, desde logo, informouse "a posteriori". Mágoa que non o fixese antes porque, segundo lle escoitei na radio, tiña unha idea nidia do que era un goliardo, un bolardo e tamén un boiardo. O que non sei é se segue a asegurar que hai quen confunde churras con meninas, mesmo despois de avisáreno de que se trata de churras e merinas, dúas castes de ovellas.

John Lewis, norteamericano finado en 2001, foi pianista e acompañou a grandes figuras despois de substituír a Thelonius Monk na big band de Dizzy Gillespie. Achegou a música clásica ao jazz e tivo a súa propia escola musical.


Maurice Jarre, francés cuxo pasamento se produciu nos Estados Unidos en 2009, tras traballar moitos anos en Los Ángeles a compoñer bandas sonoras para o cine, é autor de músicas inesquecíbeis (Lawrence de Arabia, Doutor Zhivago, Pasaxe á India, O día máis longo, Gorilas na néboa e moitas máis).

Calquera pretexto pode ser bo para agradecerlle á vida a existencia de persoas como as que acabo de lembrar. Eles fixeron coa súa obra un mundo máis fermoso. Construíron e innovaron sen renunciar á tradición desde a que colleron pulo para iren máis aló.

Tres grandes e Carmiña
Comentarios