martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Tusidos de casa

CONTAN QUE O ACTOR Alberto Closas, aquel eterno e elegante galán falecido en 1994 aos 71 anos, detivo unha actuación e dirixiuse ao público porque alguén ou algúns non paraban de tusir: "Al teatro se viene tosido de casa". Descoñezo o efecto da súa advertencia, que ben se sabe que a tose pode ser máis sonora se se quere conter. E tamén se sabe que é contaxiosa (non me refiro a ningún virus, senón ao puro acto de tusir). Unha chamada de atención, se cadra, non estivo de máis. 

Unha miña amiga xura que endexamais acompañará aos alumnos nunha excursión. Acaba de chegar da que tería que ser unha viaxe inesquecíbel polo moito que podían ver e aprender, ademais de teren momentos máis relaxados e lúdicos; porén, unha ampla maioría soamente cargou na memoria a resaca, as gardas nocturnas para burlar a vixilancia e a permanencia diúrna no hotel para recuperar o tempo de vela. Algúns poucos souberon administrar a liberdade e, alén de visitar obras mestras e fundamentais das artes, desfrutaron dunha convivencia civilizada co profesorado e as compañeiras e compañeiros de viaxe. 

Escuso dicir que as persoas responsábeis do grupo fixeron canto lles foi posíbel e aínda máis por controlar a situación. As respostas eran deste teor: "Ti non es miña nai", "xa son maior de idade" (en efecto, había repetidores e repetidoras que, por séreno, xa tiñan dezaoito anos) ou "meus pais non se meten na miña vida". 

"Ti non es miña nai". Por suposto: ela era a súa profesora, unha das persoas que tiña que responder polo conxunto de rapaces e rapazas aos que acompañaba na viaxe de estudos. Algo ao que se comprometera ‘gratis et amore’, é dicir, sen obter beneficio algún, por pura xenerosidade. Responsabilidade, toda; dereito a manter a orde, ningún. 

Se fose súa nai, seguramente lle tería ensinado o respecto e a educación máis elementais. Os que marcan as pautas na relación cos outros porque, aínda que, como se ten dito, para educar a un neno cómpre toda a tribo, aos centros de ensino hai que ir educados da casa. 

Por iso recordo moi a miúdo as palabras do actor catalán e aplícoas a eses primeiros principios que, se non llelos inculcan na casa, inculcarállelos o mundo dun xeito máis doloroso. 

Ninguén lles vai dicir a estas e estes cerebros de mosquito que, cada un dos días en que eles dilapidaban a que é oportunidade de poucos, morrían quince mil criaturas de fame? Oirían falar do neno Aylan ou da bebé Sephora? Son afortunados, mais non o saben. Saben, si, de supostos dereitos. Porén, nada entenden de compromisos e deberes. Algúns xogan ao fútbol cun peixe fresco fronte á muller que pide esmola na rúa. Non é unha metáfora.

Tusidos de casa
Comentarios