viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

Ultreia, Galiza!

Do latín ultra (máis aló) e eia (interxección para animar), ultreia era o saúdo que, camiño de Santiago, se cruzaban os peregrinos. Deixando á parte as crenzas de cadaquén e coas razoábeis dúbidas verbo da autenticidade dos restos do apóstolo na cripta da catedral de Compostela, o que non se pode negar é a importancia do Camiño, a súa función de canle cultural entre Europa e a nación galega, o significado relixioso que segue a impulsar a moita xente de fe.

Resulta, xa que logo, de toda lóxica que ese polo de atracción o sexa tamén para todos os habitantes deste noroeste, que outrora foi reino e seguiu a levar o tal nome —mesmo sen soberanía— até que a reforma administrativa de 1833 dividiu o Estado en provincias. Antes, desde a integración no reino de Castela, perdera o dereito a votar nas Cortes e só conseguira recuperalo tras un pago oneroso no século XVII.

Proba do poderío económico de Santiago é o feito de que Afonso X o Sabio quixera contrarrestar a súa sona impulsando santuarios marianos a través das Cantigas de Santa María. Nelas figuran a miúdo milagres "roubados" dos que se atribuían ao santo no Códice Calixtino.

Non é estraño que, a perseguir o soño dunha Galiza dona de si, os homes da Xeración Nós escollesen o 25 de xullo, festividade de Santiago o Maior, como Día da Patria Galega. Cúmprense cen anos desta efeméride, os mesmos que pasaron desde a aparición da revista que lles deu nome aos seus impulsores.

Por todo o anterior, un Camiño Xacobeo ha de ser para os galegos e galegas un achegamento a nós propios. Os que veñen de fóra deberán coñecer as nosas peculiaridades, alén de tópicos e prexuízos, para valorar canto bo lles pode ofrecer, ademais da gastronomía e a paisaxe, terra tan deostada historicamente.

Para iso, para mostrar o noso verdadeiro rostro, é imprescindíbel ese achegamento a nós ao que xa me referín. Non podemos ponderar o que non coñecemos ou incluso desprezamos. Unha programación do Ano Santo compostelán non pode utilizar como reclamo produtos culturais e artísticos exóxenos. Música, arte, historia, paisaxe e gastronomía de aquí, son os ingredientes precisos para que o acontecemento teña o sentido e a transcendencia que merece.

Se cadra semella que elixo o pequeno e descoñecido fronte ao grande e universal. Non é así. Galiza existe, está no mundo, camiña —malia que o faga como a Penélope de Díaz Castro, "un paso adiante e outro atrás"— e quere ollarse nun espello non embazado polo autodesprezo. O auténtico é o universal, o existente. Cómpre, daquela, que nos atopemos e nos saudemos como aqueles que nos precederon: "Ultreia!!!". Sempre máis aló, camiñemos. Forza, ea!

Ultreia, Galiza!