martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Unha vaga dor cirinea

Descontextualizado e traducido, vai o sintagma co que titulo este artigo. É do escritor e intelectual nicaraguano Pablo Antonio Cuadra (1912-2002). Sobriño neto dun presidente da república, curmán de Ernesto Cardenal, primo do dramaturgo e poeta Joaquín Pasos Argüello, adheriuse á causa do guerrilleiro Augusto César Sandino nos primeiros anos trinta, rexeitou a intervención dos USA en Nicaragua e opúxose aos Somoza. Un deles mandouno á cadea en 1956 por mor da súa aposta polos pobres do país. Despois disto, exiliouse uns anos. Hai na súa vida e obra un fondo pouso relixioso, como o hai nesta nación centroamericana, onde a revolución e o cristianismo comprometido camiñaron xuntos.

Na oficialidade do Frente Sandinista de Liberación Nacional, a día de hoxe, non fica nada daquel que gañara a revolución en 1979. Na memoria están quen, ocupando altos cargos, tiveron ocasión de mirar aos ollos aos seus torturadores e anunciarlles o perdón en nome das propias crenzas.

Agora o matrimonio Daniel Ortega (presidente) - Rosario Murillo (vicepresidenta), goberna desde a mentira e a represión, lonxe daquel lema que fixera seu o sandinismo: "La solidaridad es la ternura de los pueblos".

Quen dará a cara, en tempos do Covid-19, polos que o padecen nun país así?

Rosario é a suma sacerdotisa dunha relixión ateigada de ídolos e supersticións, que utiliza como elemento de control. Unha louca, en palabras de Ernesto Cardenal, que se referiu á situación de Nicaragua no penúltimo poema que escribiu na súa vida: "A todo el país nos duele respirar /el país entero en manos de una loca".

A ela se referiu tamén Monseñor Báez, agora exiliado por orde do Vaticano, de certo que por libralo dunha morte segura: "Esta manipulación de lo religioso por Rosario Murillo [...] Me parece que es una blasfemia frente a Dios, porque un régimen criminal no puede estar pronunciando el nombre de Dios. Es pronunciar el nombre de Dios en vano literalmente". Con el foise o Tayacán, como expresa unha nicaraguana acomodada, comprometida co pobo. Esta voz seica significa en nahuatl, a lingua indíxena, "o que dá a cara".

Quen dará a cara, en tempos do Covid-19, polos que o padecen nun país así? Quen, Cirineo, sufrirá por axudalos? O goberno nega a epidemia e oculta os decesos. Porén, as camionetas da morte, as mesmas que transportaban as vítimas da brutal represión nas protestas de 2018, pasan decote coas bolsas de plástico negras en que meten os cadáveres das persoas vencidas polo virus. Quen non teña con que pagar o hospital —a inmensa maioría da xente— deberá renunciar aos tratamentos. O réxime só comparece para prohibir as máscaras aos sanitarios. Mentres, a bruxa segue convocando os seus rituais de contaxio.

Unha vaga dor cirinea
Comentarios